Mofa e Befa levan Pirolíticos a Muros
O sábado 10 de decembro, ás 21:00 h, chega de novo ao Auditorio do Centro Cultural de Muros a compañía Producións teatrais Excéntricas, co novo espectáculo do dúo cómico MOFA E BEFA, “Pirolíticos”.
Co gallo do seu 30 aniversario, Mofa & Befa emprenden o seu proceso creativo máis arriscado e experimental, coa incorporación de tres mulleres na dirección e no texto. Clara Gayo, María Lado e Lucía Aldao acompañan aos artistas en PIROLÍTICOS, unha proposta que, sen renunciar ao teatro que Mofa & Befa sempre ofreceron, contén necesariamente a visión e o humor destas tres mulleres que aceptaron sen dubidar o desafío.
A compañía Producións teatrais Excéntricas, fundada por Quico Cadaval e o dúo cómico Mofa e Befa, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, é ben coñecida de tódolos muradáns amadores do teatro, pois é unha habitual no noso espazo escénico, no que sempre deixan bo facer e bo humor. Esta representación está inscrita na Rede Galega de Teatros e Auditorios e as entradas, ao prezo de 3,50 €, xa poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo [email protected] ou no formulario creado para este fin.
Ademais as persoas asistentes e todas aquelas outras que o desexen poderá gozar da exposición conmemorativa, 30 anos de Mofa e Befa, que a compañía, coa colaboración do FIOT e a Deputación da Coruña, crearon, relembrando o bo facer deste dúo cómico dende 1992 ate a actualidade, realizando un percorrido polos seus espectáculos, “Cociña económica”, “Para ser exactos, “Finis Mundi Circus”, “Cultura para dar e tomar”, “Sempre ao lonxe”, … e outras manifestacións e detalles de interese de Mofa e Befa, como o “Manifesto para un teatro perralleiro”, que fai da precariedade dos recursos materiais a reivindicación dunha específica creatividade teatral, que actúa coas expresividades da mímica, os xogos de palabras, a imitación e a caricatura e a alternancia e singularidade das
personaxes; e que está aberta ao público no espazo do propio auditorio do centro cultural e xuvenil de Muros durante todo o mes de decembro.