Venres. 26.04.2024
El tiempo

Pablo Seoane leva “O toque pechado” da súa gaita a un libro

O toque pechado de Pablo Seoane
O toque pechado de Pablo Seoane
Pablo Seoane leva “O toque pechado” da súa gaita a un libro

O mestre de música e baile tradicional das Asociacións Axio Mouro (Santa Comba), Ximiela (Louro) e Faltriqueira (Muros), vén de presentar o seu libro, “O Toque Pechado”. Logo 2 anos de intenso traballo, Pablo Seoane (natural de Cacheiras, Teo), decidiuse a editar este traballo coa idea de “poder axudar a todos/as os/as gaiteiros/as que se propoñan aprender ou mellorar no toque pechado para a gaita de fol galega”.

Foi o confinamento o que lle empurrou a plasmar no papel as ideas que leva anos madurando como intérprete deste xeito de tocar. Polo medio, hai un “completo traballo de transcrición de audios, edición de partituras, análise das mesmas e de actualizar e poñer ó día anos e anos de traballo”.

O libro recolle unha boa escolma de exercicios específicos e 150 partituras (todas tradicionais) divididas en 3 niveis de dificultade, “para que os/as gaiteiro/as poidan traballar en calquera dos distintos xeitos de tocar pechado na gaita galega”.

Segundo Pablo Seoane, e baixo a súa experiencia coma gaiteiro e docente, “a mellor forma de dominar calquera dos distintos estilos de toque pechado que existe en Galicia, é traballando con exercicios previos e tamén, por suposto, coas músicas axeitadas a este xeito de tocar”.

Xira de presentacións

Xa ten unha serie de presentacións para este decembro, na que pasará por Muros (domingo 12), Carnota (luns 20) ou Vimianzo (mércores 29).

Libro Pablo Seoane

Comentarios