“A saúde dos nosos nenos non debe basearse en ratios ou recomendacións”
Houbo unha reunión importante onte entre o Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a alcaldesa de Muros, María Lago, arredor dos sempiternos problemas co servizo de pediatría do Centro de Saúde de Muros. Un centro que atende ás case un milleiro de familias de Muros e de Carnota, que constantetemente fica sen pediatra e as crianzas acaban tendo que desprazarse a Cee ou a Noia.
A alcaldesa de Muros comezou trasladándolle persoalmente ao conselleiro de Sanidade “a realidade da lista de agarda no servizo de pediatría do noso centro de saúde” e as demandas das familias.
Gómez Caamaño asegurou pola súa parte que “a atención pediátrica en Muros está garantizada polo Servizo Galego de Saúde. A pediatra asume a atención de máis de 900 nenas e nenos, seguindo así as recomendaciones establecidas polas sociedades científicas, que fixan unha referencia de 1.000 pacientes por cupo de atención pediátrica”, asegurou, sempre coas cifras como único argumento, como adoita facer este goberno da Xunta en materia de sanidade e educación.
A alcaldesa de Muros agradeceu a rápida resposta do conselleiro á solicitude de reunión, pero considera “que a saúde dos nosos nenos non debe basearse en ratios ou recomendacións, xa que a pediatra que hai en Muros atende tamén aos nenos e nenas de Carnota, o que provoca colapso, listas de agarda e desprazamentos a outros centros de saúde”.
Con todo, para o conselleiro volveu botar as culpas á falta de previsión do Ministerio, e valorou que entra dentro da normalidade “que os menores de 3 anos sexan atendidos por especialistas en pediatría de Noia” cando non hai pediatra en Muros.
“Levamos máis dun ano e medio cunha baixa de longa duración do pediatra que traballaba só en Muros e esiximos que se cubra”, engade María Lago, que manterá as súas demandas en defensa dos intereses da veciñanza.
A rexedora tamén lle trasladou a saturación doutros servizos como o de Fisioterapia e a necesidade de acometer melloras estructurais no centro de saúde de Esteiro, como a substitución das neveiras.