Os traballadores municipais de Muros saen á rúa e esixen no pleno aos grupos políticos que saquen a RPT
Xornada de reivindicación onte no Concello de Muros. Os traballadores municipais, despois de 8 anos de demandas, decidiron manfiestarse ás portas do Concello, non sen antes participar na sesión plenaria para explicar as súas demandas.
Foi ao comezo do pleno, cando a alcaldesa María Lago, daba paso ao representante do Comité de Empresa, recoñecendo que as demandas son “xustas e lícitas”, tendo asegurado que seguen traballando para sacala adiante, se ben recoñecía na previa ao pleno que “nos está levando máis tempo do que agardabamos porque a situación é moi complicada, hai varios procedementos laborais abertos, e sentencias recentes que nos obrigan a correxir e modificar o cadro de persoal proposto”.
Eduardo Brión debullaba as demandas do comité de Empresas do Concello de Muros. “Todos coñecedes o problema de discriminación salarial que sufrimos os traballadores municipais. E sabemos por que. Porque o Concello non ten RPT, hai persoal que están cobrando complementos, pero hai 21 traballadores, un terzo aproximadamente, que non teñen os complementos asinados. Deses 21, 15 deles necesitan un complemento específico para chegar a fin de semana, sendo traballadores dunha administración pública”, expuxo.
”Todos sabemos como se solucionaría o problema: cunha RPT”, continuou. “Xa o intentamos coas 3 alcaldesas que houbo nos últimos 8 anos. Sempre houbo boa disposición, pero nunca se dá. O que demanda o Comité de Empresa que os grupos se poñan de acordo para elaborar un orzamento municipal que conteñan as partidas necesarias para elaborar e implementar, para rematar dunha vez coa discriminación salarial”, rematou.
A saída, protagonizaron unha concentración ás portas do Concello, cunha pancarta “Non á discriminación salarial”, e outra petición de “Cumpride o programa electoral. RPT Xa!”.