mércores. 29.10.2025
El tiempo

Saen á rúa para denunciar a discriminación salarial entre persoal do Concello de Muros

casa do concello de muros
Saen á rúa para denunciar a discriminación salarial entre persoal do Concello de Muros

Agroman os conflitos laborais no seo do Concello de Muros. Un asunto que leva latente varios meses pola discriminación salarial entre traballadores municipais, provocada pola falta de actualización da Relación de Postos de Traballo.

Ante a falta de solucións, e despois de 8 anos de “promesas incumpridas por tres gobernos municipais de distinta cor política”, o persoal laboral do Concello de Muros vén de decidir tomar medidas de presión. A primeira das medidas, acordadas o pasado día 25 de setembro en asemblea de traballadores e traballadoras, consistirá en celebrar concentracións diante da Casa Consistorial coincidindo coa celebración dos Plenos municipais os últimos xoves de cada mes, sendo o primeiro o vindeiro 30 de outubro, ás 20:00h diante do Concello.

“Somos totalmente coñecedoras das reclamacions do comité de empresa”, sinala a rexedora María Lago. ”As reclamacions que fan son totalmente xustas e lícitas, e eu persoalmente asumin o compromiso de elaborar a RPT, estanos levando máis tempo do que agardabamos porque a situación é moi complicada, hai varios procedementos laborais abertos, e sentencias recentes que nos obrigan a correxir e modificar o cadro de persoal proposto”, remata.

21 postos

A problemática é a falta de actualización da RPT. Concretamente, son 21 postos de distintos grupos profesionais, en torno a un tercio do persoal laboral, os que non perciben os complementos de destino e específico que sí percibe o resto do persoal; e 15 deles teñen salarios tan baixos que o Concello ten que complementar cun “complemento SMI” para poder chegar ao Salario Mínimo Interprofesional que marca a Lei.

O Comité de Empresa, presidido por CC.OO., demanda dos grupos políticos do Concello de Muros que “se poñan de acordo en elaborar e aprobar uns orzamentos municipais que inclúan as partidas necesarias para a elaboración e implementación dunha Relación de Postos de Traballo que poña fin, dunha vez por todas, a unha inxustiza que por todos é coñecida e que se leva padecendo durante moitos anos.

Comentarios