Tradición, relixiosidade e atractivo turístico para a Semana Santa muradá

A concellaría de Cultura e Turismo e a Asociación Semana Santa Muradana presentaron a programación da Semana Santa Muradana 2026, unha das citas máis destacadas do calendario cultural e relixioso do municipio, que combina tradición, participación veciñal e atractivo turístico.
No acto de presentación participaron a concelleira de Cultura e Turismo, Caridad González, xunto con José Luis Martínez e Manuel Lago, membros da Asociación Semana Santa Muradana, entidade encargada da organización dos actos.

A programación desenvolverase entre o 27 de marzo e o 5 de abril, incluíndo celebracións litúrxicas e procesións que percorren as rúas e prazas da vila, convertendo Muros nun escenario de gran valor patrimonial e simbólico durante estas datas.
Entre os actos máis destacados figuran a procesión do Domingo de Ramos, a celebración do Xoves Santo coa procesión da Santa Cea, así como os actos centrais do Venres Santo, co Sermón do Encontro, o Desencravo e a procesión do Santo Enterro. A programación culminará o Domingo de Resurrección, coa tradicional Palomiña e a misa solemne.

Os representantes da Asociación Semana Santa Muradana puxeron en valor o traballo colectivo que fai posible esta programación, así como a implicación da veciñanza e das persoas colaboradoras que participan cada ano nos actos.

Ademais, desde a Concellería de Turismo complétase a oferta cun programa de visitas guiadas durante a Semana Santa, que permitirá afondar na historia, no patrimonio e nas tradicións locais, reforzando así o atractivo turístico do municipio nestas datas.

Máis novas da Semana Santa