Zas emprega o POS+ para gastos correntes e a conservación de estradas e Muros a saneamento

Continúa o Plan Único da Deputación (POS+2019) permitindo que os concellos leven adiante e, sobre todo, decidan, onde van os seus investimentos.
Esta semana tanto o Concello Zas como o de Muros aprobaron os seus plans en pleno.
Gasto corrente e estradas en Zas
O Pleno de Zas aprobou o POS+ para o 2019 por case 500.000 euros, sendo a conservación da rede viaria municipal un dos máis importante do plan (174.000€). Parroquias como O Allo, San Cremenzo, Gándara, Mira, Zas, Loroño, Santa Sía de Roma, Meanos, Lamas, San Adrián de Castro e Baio verán melloradas as súas estradas, así como a mellora das estradas de Gomarís-Artón e Andregalla-Penedo.
Os 321577,23 euros restantes destinaranse a gasto corrente entre os cales figuran o alumeado público e dos edificios municipais, o mantemento e limpeza de edificios públicos (centros educativos e de saúde, instalacións deportivas e culturais, dependencias municipais,…), conservación das estradas e dos parques infantís, etc.
Paralelamente, dentro do Plan Complementario do 2019 inclúense outros dous proxectos por un importe de 190125,57 euros. Entre os investimentos a realizar figuran a mellora dos aglomerados nas parroquias de Zas, Baio e San Adrián de Castro (98698,67 euros) e as melloras da calzada nas parroquias de Brandomil, Muíño e Meanos (91426,90 euros).
Saneamento en Muros

Pola súa parte o goberno de Muros aprovou o POS, dotado de máis de 900.000 euros, dos que case 800.000 serán empregados para 4 obras de saneamento. Ademáis das obras de saneameno, destinaranse 61.573,02€ a proveedores e 37.044,67€ a amortizar débeda.
As obras de saneamento son:
- 1) Realizarase unha actuación no río Valdexería para eliminar 9 puntos de vertido directamente no banco marisqueiro da Virxe.
- 2) Saneamento e pavimentación no camiño real (Serres): elimínase un punto de vertido que recolle un número importante de vivendas, que tamén incide directamente no banco marisqueiro da Virxe.
- 3) Saneamento e pavimentación Freixeiros: eliminación de un vertido que incide directamente no banco marisqueiro de Parameán.
- 4) Abastecemento de auga e saneamento no lugar de Serres de Arriba.