Sábado. 20.04.2024
El tiempo

13 muxiáns diplomados nas Novas Tecnoloxías en galego con QPC

13 muxiáns diplomados nas Novas Tecnoloxías en galego con QPC
 Diplomados-en-Muxia-tralo-curso-impartido-por-QPC

Onte, xoves 25 de outubro, tivo lugar o acto de entrega dos certificados de asistencia ao Curso de galego aplicado ás novas tecnoloxías. Un completo curso impartido por Ubaldo Cerqueiro, Xefe de redacción deste diario dixital QPC, que comezaba repasando a historia da lingua galega na rede, ata as ferramentas 2.0 en galego, linguaxe galega na rede e contidos 2.0, un obradoiro de redacción e obradoiro de creación dun blog, que serviu para que varios dos alumnos se poñan a crear contidos na rede, e en galego.

Xa puidemos comprobar a incidencia do curso entre as 13 persoas que o realizaron, que ademais solicitaron ao alcalde a realización dun novo curso, ao que o alcalde respostou que "o Concello seguirá traballando nas mesmas liñas de actuación".
Por exemplo, unha das alumnas nos contaba Por que é necesario un Curso de galego aplicado ás Novas Tecnoloxías? e outra analizaba as trabas para a lingua galega na rede tras coñecer polo miúdo esta realidade 2.0.

Así, o Alcalde, Félix Porto fixo entrega dos certificados aos alumnos/as de este curso, que forma parte do Programa de Dinamización Lingüística do Concello de Muxía, “Muxía, vivindo en galego”, un programa para dinamizar e normalizar o uso do galego en diversos ámbitos de actuación como a mocidade, a hostalaría e as familias. O Programa contou, ademais de con este curso, cun concurso de contos para nenos/as e os seus pais e nais “Durmo... se me contas un conto” e coa edición de manteis de hostelería con mapas do municipio (Programa “O Camiño en galego”) no que se fan constar os recursos turísticos e as rutas do Camiño Xacobeo que percorren terras muxiás.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios