Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Novas trabas para unha lingua pouco agarimada

Novas trabas para unha lingua pouco agarimada

Seguimos traendo artigos creados no marco Curso de galego aplicado ás Novas Tecnoloxías que vimos de impartir no Concello de Muxía. Xa limos a unha das alumnas contarnos "Por que é necesario un curso así", e hoxe escoitamos a voz dunha rapaza máis nova, pero igual de comprometida.

Viki Barrientos, está a completar o seu blog, creado no curso, ovisio.blogaliza.org, cunha morea de contidos en galego que descubriu no mesmo. E fai esta reflexión sobre o estado da lingua galega na rede:

Novas trabas para unha lingua pouco agarimada, por Viki Barrientos

Fame Nejra de galego - Un dos desenos de Viki Barrientos para as suas camisetas de OVisio

Cando souben que na miña vila ía facerse un curso de galego aplicado ás novas tecnoloxías, non dubidei en apuntarme. Non sabía moi ben que contidos ía ter. Imaxinaba que se falaría de correctores, tradutores e esas cousas. Polo cal, tiña pensado darlle ó curso un uso práctico, é dicir, informarme ben de que ferramentas existían para corrixir textos, por exemplo.

Gústame escribir pero recoñezo que escribo fatal en galego normativo, así que pensei que ese curso non me viría mal. Teño pelexado bastante para atopar boas ferramentas en internet e cada vez que escribía un texto tiña que entrar en seis ou sete páxinas para rematar de corrixilo. Pero aparte de todo isto, do aproveitamento práctico, atopeime con unha nova visión da necesidade de acostumarse a un entorno en galego, comezando por facelo un mesmo e non só falando, senón tamén empregándoo de forma preferente ante o castelán ou outros idiomas en tódolos medios, como internet. A raíz deste curso vexo importantísimo que o galego sexa non só unha opción en calquera medio, senón unha obriga.

Desprezos engadidos para unha lingua minguada

Informeime de que os sistemas de Apple nin sequera dan opción ó galego, que algúns navegadores como Firefox si que se poden descargar completamente en galego e que buscadores coma Google permiten poñer a interface en galego, pero soamente iso. Así que, como vedes, estamos moi limitados.

Se eu quero ter o meu ordenador completamente en galego precisarei pelexar bastante para conseguilo, mercar un paquete de Microsoft Windows en galego, descargar complementos adicionais e algunhas cousas terei que telas en castelán porque non existe alternativa. Todo isto non permite unha unificación, senón contidos espallados nun e outro idioma, o cal é bastante incómodo ademais de lamentable.

Supoño que un dos motivos polos que non se implementa máis o galego na rede é que os usuarios non teñen especial interese en empregalo. Eu mesma, ata o de agora, tiña o meu ordenador case completamente en castelán. Non me molestara en indagar que cousas podía poñer en galego, non me parecía tan importante. Pero si que o é. É importante porque se un se acostuma a traballar nun ordenador en castelán, a navegar e utilizar programas en castelán, dalgún xeito transmitirase ou difundirase unha cultura castelanizada.

Explicareime mellor. Se eu leo un artigo en castelán e quero publicalo nunha rede social, aínda que eu escriba en galego, o contido da ligazón que eu estou publicando non está en galego, e iso é unha barreira para a miña cultura. Debería preocuparme de ler xornais dixitais galegos. En definitiva, dar prioridade ó uso do meu idioma.

Moitos pensaredes que non é doado atoparse con contidos en galego pola rede, pero o certo é que hai moitísimas páxinas e practicamente todo o que navegamos en castelán podemos facelo na nosa lingua. O problema é que xa non nos preocupamos de navegar na nosa lingua. Resignámonos a visitar páxinas en castelán desvirtuando xa a priori que existan contidos do que eu quero ler ou ver en galego. Nós mesmos, os usuarios, poñemos barreiras.

Comprometerse para un galego normalizado

Outra das cousas nas que recapacitei, a propósito do curso, foi na importancia de coñecer o galego normativo.

Sempre fun bastante desprezativa con respecto a el, teño que recoñecelo, porque como eu falo con seseo e gheada sempre quixen defender os dialectos. Parécenme algo fermoso que non se debe perder nunca, pero confundía ese anhelo de protección coa anteposición á norma. Creo que niso estaba equivocada.

Cada vez que escribía un texto atopábame con moitas palabras que eu utilizaba en galego pero que non estaban recollidas na RAG, polo tanto non podía empregalas e ás veces tiña que cambialas por outras alleas a min que eu non recoñecía como “miñas,” aínda que fosen a forma correcta. Dábame moita rabia ter que empregar palabras nos meus escritos que eu non pronunciara na vida! Parecíame unha pequena traizón á expresión que quería transmitir, é dicir, non recoñecía que esas fosen as miñas palabras. Pero pouco a pouco doume conta de que iso non é culpa da lingua normativa, de que vén de moito atrás e de que moitas palabras das que eu uso están castelanizadas.

Moitas palabras das que non se adoitan empregar non se empregan porque as substitutas son castelanismos, formas incorrectas que parece que son válidas porque levan falándose dende hai moito tempo. Pero iso non lles da dereito a desbancar ó galego lexítimo.

Teño unha complexa tarefa pendente, que é a de estudar en profundidade ese galego que ata o de agora rexeitei bastante, pero que é o verdadeiro, e pouco a pouco ir collendo soltura e escribir “ben” sen ter que facer centos de correccións.

É totalmente necesario que isto o faga todo o mundo e que recapacite, porque só cando aceptemos a nosa lingua con todo o esplendor que ten, sen minguala por unhas e outras razóns, cando a agarimemos como é debido, o galego será respectado en tódolos medios como a lingua esencial que é.

 

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios