Luns. 16.09.2019
El tiempo

A primeira muller membro da RAG protagoniza o mes de abril da "Galería Mulleres" de Muxía

A primeira muller membro da RAG protagoniza o mes de abril da "Galería Mulleres" de Muxía
francisca-herrera-garrido

Neste mes de abril o Concello de Muxía, a través da Concellería de Servizos Sociais , que dirixe Irma García Barcia, continúa coa campaña pola visibilización da aportación da muller á sociedade. A campaña leva por nome "Galería Mulleres", xa que se trata dunha “galería” na que se mostrará cada mes o traballo dunha muller significativa.

Se marzo foi o mes adicado á nova poeta María Lado, este mes de abril é o mes da escritora Francisca Herrera Garrido, a primeira muller considerada membro de número da Real Academia Galega. Xa está na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía a súa obra “Néveda”, da Ed. Xeráis.

Francisca Herrera Garrido

Poeta e narradora coruñesa moi influenciada pola obra de Rosalía De Castro.

O 4 de marzo de 1945 a RAG elixe membro numerario a Francisca Herrera Garrido, sendo a primeira muller merecedora de tal distinción. Pero a escritora falecería en 1950 sen que a corporación chegase a fixar a data do acto solemne de ingreso, aínda que a todos os efectos se considere que foi membro de número da institución. A Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1987. Decisión dobremente importante, primeiro polo feito de ser muller e segundo polo feito da "reparación" que lle debía a Real Academia.

Textos de Francisca Herrera Garrido

Aquí deixamos un par de poemas que de Herrera, nas que podemos ver o amor á terra desta coruñesa:

Santiago e Galicia

"Santo bendito das cunchas,
¡o meu carrapucheiriño!
veño cantar na túa festa ...
¡alá, facédeme sitio! (...)

¡Érgueme, pai dos galegos!
¡lévame a terra de Cristo!
que esta miña alma magoouse,
esgazada nos espiños (...)

Doulle a Deus ..., canto lle debo
¡alma, peito e amoríos!
doulle a terra canto eu son:
(unha escrouchiña de millo!)
doulle o corazón ós meus:
—meus son tódolos nascidos—
doliosos, os famentos,
os ispidos, ¡os velliños!
mais ...¡teño un rencor...! ¡piedade!
¡perdón!, ¡perdón, meu querido!
os que renegan do seu ...
¡non poden ser meus amigos! (...)
¡galegos que apostatades!
aqueles esquecedizos
que aldraxan a nosa lingua;
que blasfeman do terruiro! (...)"

(25 de Xullo de 1924)

Frores do noso paxareco

Escolma: "Cando eu era rica"

Tiven unha casa guapa,
E loscín roupas, e eito:
E os amigos (qu'eran moitos!)
Recricábanme o sombreiro...
Camiñaba sobre rosas,
E durmía en terciopelos.

Como o mundo xira e xira,
¡Coulleume a volta do veo!
E levo roupas turbiñas;
E m'acolle un pardiñeiro.

Os amigos, (que son poucos...)
A costipación temendo,
van de presa, e non reparan...
Gasto zocos, e rouceo
Sobr'as charumelas muschas:
Adormezo en probe leito...

Meus traballos non me doen;
¡Ben o sabe Dios do Ceo!
Inda mais, bendizo un dano,
Qu'aprendeume o mal alleo:
Ora dóenme os ispidos!
Ora choro c'os famentos,
Que camiñan sobre espiñas
E n'atopan un palleiro,
Onde-o corpo, arripiado,
Arrecade refuxelo.

¡Mal pocado, meus probiños!
¡Meus filliños...! Canto peno
Por non tér lugar pra todos
N-a estreitez do meu celeiro!
Porqu'a miña bica, moura,
Para vos non dé roleiros;
(¡Ouh, meu Cristo! quen poidera
Bendecila c'os teus dedos!)
E non presten miñas xergas,
Pra vos alfonxar, un lenzo!

Camiñades po-los toxos...
Vos magoades sobr'os rebos...
¡Soyo son disgraciadiña,
Por non tér con qué válér-vos!

¡Ay! se de prata tornárase
A cruz do remordemento!
¡Canto, feito, non fixera!
¡Canto fixera, non feito!

  • Francisca Herrera Garrido.

Galería de Mulleres

Coa "Galería Mulleres", o Concello de Muxía destacará o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…. cada mes estará dedicado a unha muller e repartiranse carteis nos que apareza esa muller e indicacións para informarse sobre ela ou para acceder á súa obra.

Con cada muller destacada indicarase que libro ou libros están á disposición do usuario/a na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía, escritos por esta muller ou que fagan referencia á mesma.

"Galería Mulleres" nace co obxectivo de visibilizar a aportación da muller á historia da humanidade, ao mundo das ideas, das artes , das ciencias …ámbitos nos que tradicionalmente apareceu infrarrepresentada.

Ao mesmo tempo serve como difusión do servizo da BIBLIOTECA DA MULLER, servizo integrado dentro da Biblioteca Municipal de Muxía dende finais do ano 2008 . A Biblioteca da Muller conta con 440 títulos no seu fondo bibliográfico 
A Biblioteca da Muller inclúe obras escritas por mulleres, sobre mulleres ou sobre temáticas que afectan á muller …así haberá obras sobre feminismo, obras sobre filosofía, antropoloxía, arte, literatura infantil, poesía, novela…. escritas por mulleres ou que aborden todos estes temas dende unha perspectiva de xénero.

Máis información

Comentarios