venres. 20.03.2026
El tiempo

Foliada, concertos, conversas, retiro, rutas e obradoiros para abrir a nova tempada no Camping Lago-Mar

Camping Lago Mar
Foliada, concertos, conversas, retiro, rutas e obradoiros para abrir a nova tempada no Camping Lago-Mar

Chega o sol e abre Camping Lago Mar de Merexo. Afianzado como un dos referentes culturais da comarca, ademais de ser un punto de atracción de visitantes, arrinca a temporada o vindeiro venres 27 de marzo, e dará á benvida á nova tempada cunha festa con foliada libre e pinchos, a partir das 18:30h, para todos e todas as asistentes. 

O establecimento xestionado polos valentes muxiáns da cooperativa cultural Horta Creativa presentan ademais unha ambiciosa axenda de actividades, renovando a súa aposta por ser un punto neurálxico da cultura na Costa da Morte.

Música

A música volverá a ser a columna vertebral da programación neste 2026. Este ano o Camping é un dos espazos participantes do circuíto Girando por Salas. Nese marco poderemos disfrutar do concerto de Bigblack Rhino o 17 de abril ás 21:00 horas. O quinteto mestura a dozura do soul e o blues coa acidez do rock and roll, cunha aposta explosiva no escenario, o que lles ten levado a xirar por toda a xeografía española. A entrada a este concerto ten un prezo de 5 euros e inclúe unha tapa especial.

Tamén visitará o camping a cantautora Mabel Flores coas súas letras cheas de forza e compromiso social, e unha mestura de xéneros que van dende o pop aos sons máis urbanos e a canción de autor, será unha oportunidade máxica de descubrir o seu traballo. O seu concerto será o 2 de abril ás 13:00 horas.

Polo escenario pasará así mesmo o dúo Coídos o 5 de abril ás 13:00 horas; a música animada e desenfadada de Salitre, o 10 de abril ás 20:00 horas; e o pop alternativo e psicodélico de Lontras, que presentará no Lago Mar o seu álbum debut. Todos estes concertos teñen acceso con entrada inversa.

Obradoiros

Xa é posible apuntarse aos dous obradoiros que acollerá o camping en abril. Un será de modelado en barro con María Barca (Crúa). A sesión será o 14 de abril ás 18:30 horas e nel se fará todo o proceso de modelar unha peza usando barro de Buño. Cada persoa dará forma a súa propia peza e unha vez feita tardará 3 semanas en estar lista (seca e cocida). As pezas recolleranse no Camping ou en Carballo dúas semanas despois. O obradoiro inclúe todo o material e ten un prezo de 38 euros/persoa.

O outro será un bonito obradoiro de debuxo a lápiz con Laura Romero, no que a mestra ensinará as principais técnicas para perderlle o medo ao papel e que poidamos plasmar os nosos bocetos no día a día con soltura, disfrutando da nosa creatividade. O obradoiro será o 25 de abril ás 18:00 horas e ten un prezo de 15 euros/persoa.

Para participar dos obradoiros é ncesario inscribirse en info@campinglagomar.es

Actividades na natureza

Para celebrar a chegada da primavera haberá dúas actividades na contorna do Camping. A primeira será unha Ruta Interpretativa do Camiño dos Faros con Rafael Lema que irá dende a Ponte do Porto ata o camping. Á chegada haberá unha benvida en forma de paella. Os e as asistentes terán a opción de ducharse no camping despois da ruta. Será o 2 de abril ás 10:00 horas e a participación é gratuíta pero é necesario inscrición previa en info@campinglagomar.es.

En abril repite tamén unha actividade que tivo moito éxito en edicións anteriores: unha Xornada de plantas silvestres comestíbeis con Sabores Espontáneos. Nesta actividade saímos de ruta para aprender a identificar plantas silvestres da Costa da Morte que se poden comer, ao regreso ao camping disfrutaremos dun showcooking e da parte máis esperada: a degustación dos platos preparados, Será o 18 de abril ás 10:00 horas, ten un prezo de 29 euros por persoa, e hai que inscribirse en info@campinglagomar.es

Ioga e brunch

Unha das actividades máis desexadas no camping: os domingos de ioga e brunch regresan esta tempada. En abril haberá as seguintes datas:
O 5 de abril a partir das 10:00 horas será día de ioga e brunch con Nuria Calzas. O 19 de abril a partir das 10:00 ioga e brunch con Lila Búa. Ademais, Lila impartirá unha sesión de PowerFit e brunch o 12 de abril ás 10:00 horas. O domingo 26 de abril será mañá de brunch.
Estas actividades requiren inscrición previa en info@campinglagomar.es

Conversas en vivo

A cooperativa Horta Creativa lanzou o ano pasado o seu podcast Antonte e Pasadomañá, no que se tratan temas ligados á Galicia e á Costa da Morte da man de convidados que nos guían a través dos cambios que viviu o noso territorio, e tratan de adiviñar o que estar por vir. Os capítulos adoptan o formato de charla en directo e algúns deles son gravados no camping e abertos ao público.

Entre marzo e abril haberá tres charlas ás que se poderá asistir libremente. Na primeira o 28 de marzo ás 12:00 horas descubiremos historias de naufraxios na Costa da Morte con Fernando Patricio.
Na segunda o 2 de abril ás 16:00 horas coñeceremos as marabillas e curiosidades do Camiño dos Faros. E na terceira o 4 de abril ás 18:00 horas falaremos de cultura en Galicia da man de Prado Rúa e Leila Fernández do Faiado Podcast.

Exposición de ilustracións

Ademais, entre o 27 de marzo e o 30 de abril poderase visitar a exposición de ilustracións que a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) prepará no camping.

Retiro Reconectar

O camping tamén acollerá un evento especial ao que xa é posible apuntarse: a cuarta edición do Retiro Reconectar coa mestra Rocío Cervino. Serán catro días na Costa da Morte, desconectados do mundo exterior e enfocados no benestar, na relaxación e o autocoñecemento. Haberá: paseos na natureza, ioga e meditación, dinámicas para aprender a habitar a calma e entendernos e sentirnos mellor con nós mesmos, música en vivo, e tempo para o lecer aos pés do océano. O retiro inclúe aloxamento nos nos bungalows do camping, así como os almorzos, comidas e ceas.
 

Comentarios