A complicada tesitura dos 3 grupos muxiáns para evitar que Iago Toba siga na alcaldía

Temos repasado como van as negociacións para formar gobernos alternativos en concellos como Muros, Fisterra ou Ponteceso. Toca falarmos tamén de Muxía, onde os resultados das eleccións do pasado 28M deixan un panorama bastante complexo.

Co PSOE aínda como forza máis votada a pesar de perder máis de 350 votos, e con todo o espectro da oposición na súa contra, PP (3 edís), Independentes (2 edís) e BNG (1 edil) terían que chegar a algún tipo de acordo para que o PSOE non goberne en minoría. Pero o rompecabezas complícase.

Se ben non parece viable unha saída de Toba para que BNG cumpla cos requisitos da súa directiva nacional nos termos de apoiar as listas do PSOE que saísen máis votadas, a Asemblea do BNG reitera o compromiso, como leva dicindo durante a campaña, de “favorecer unha investidura alternativa a Iago Toba”. Pero o grupo liderado por Carlos Concheiro, por agora, mantén a liña vermella marcada polo partido de non investir ao Partido Popular. Concheiro quere desmentir que mantivese contactos con Iago Toba. “Si que me mandou algún whastapp e lle dixen que podería estar disposto a falar con el, pero despois da Asemblea”. De calquera xeito, o BNG trala celebración onte da súa asemblea local, comezará os contactos co resto de grupos.

No seo do Partido Popular, a súa candidata Sandra Vilela considera que “é unha pena que prevalezan os partidos por riba do interés do concello”, en relación á liña vermella marcada polo BNG e deixando clara a súa postura como a forza máis votada dos 3 grupos que deben pactar. Ademais, a sombra que o actual alcalde xerou sobre o grupo de Independentes por Muxía de que foi Félix Porto o que está detrás, é moi pesada para que o PP invista a Javier Sar.

Precisamente esa sombra é a que intenta desmentir o grupo Independentes por Muxía, que quere deixar claro que o ex alcalde socialista nada ten que ver coma candidatura, e intentará chegar a un acordo para cumplir o principal obxectivo común: sacar a Iago Toba da alcaldía.

NOVAS RELACIONADAS