Conta atrás para o Festival Comarea, unha aposta pola cultura viva no rural
Queda menos para a ponte da Constitución, e con el o Festival Comarea, que se celebrará en Muxía do 4 ao 7 de decembro. Xa fumos avanzando os cabezas de cartel, pero hoxe a familia da cooperativa cultural Horta Creativa debúllanos o programa completo de concertos, obradoiros, coloquios, e memso unha xornada medioambiental de limpeza de praias. Todo, ademais, espallado pola vila da Barca, implicando así a diversos colectivos sociais e económicos.
Todo baixo a premisa de desestacionalizar a oferta cultural e que a música tamén chegue ata a nosa comarca para pasar, máis quentiño, o longo inverno dunha comarca do rural galego. "Por todo isto, Comarea non é só un festival, é unha declaración de principios e unha aposta pola cultura viva no rural, a música diversa para públicos diversos, o respecto pola contorna natural e social, e a creación experiencias auténticas que unen á veciñanza e atraen visitantes", expoñen dende Horta Creativa.
10 nomes musicais
Do xoves 4 ao sábado 6 de decembro serán as actividades gratuítas, mentres que o domingo 7 de decembro serán os concertos de pago no Cámping Lago-Mar, cuias entradas xa se poden adquirir en woutick.
O festival acollerá este ano dez nomes do panorama musical nacional e internacional, con estilos e apostas diversas: Bonita & Sabrosa, Carabela, Carlangas, Coco María, Raz & Afla, Zars B, Antela, Balklavalhau, Pulpiño Viascón e Skanderani Band conforman o cartel completo de concertos.
Ademais, este ano teremos outras actividades gratuítas. Un obradoiro musical, unha xornada de limpeza nunha praia de Muxía en colaboración coa asociación Mar de Fábula, un taller creativo con lixño mariño e un coloquio sobre a importancia da cultura na xuventude.