venres. 24.10.2025
El tiempo

Carlangas e Coco María, cabezas de cartel do Festival Comarea de Muxía

Festiletras 2022-Eira de Paieltes-Drew con Carlangas
Carlangas, á dereita, con Drew Corme, no Festiletras
Carlangas e Coco María, cabezas de cartel do Festival Comarea de Muxía

Xa temos cartel para o Festival Comarea. Esa proposta da cooperativa Horta Creativa para desestacionalizar o oferta cultural que traerá unha decena de artistas que estarán en Muxía do 4 ao 7 de decembro. Entre elas, nomes como Carlangas, Coco María, Carabela, Bonita & Sabrosa, Raz & Afla e Zars B.

Haberá concertos, faladoiros, obradoiros e outras moitas actividades que terán lugar en distintos espazos da vila, neste festival desestacionalizado, interxeracional e diverso en estilos musicais (folk, funk, electrónica ou músicas do mundo). 

Pero sobre todo, a familia muxiá o que pretenden é lanza "un manifesto a favor da cultura no rural, demostrando que se poden crear experiencias de calidade fóra das grandes cidades. Celebralo no inverno é un reto, pero tamén unha oportunidade para ofrecer alternativas culturais vivas durante todo o ano", apunta o colectivo da vila da Barca. 

Como en edicións anteriores, haberá concertos gratuítos e outros serán de pago. Os concertos de pago celebraranse o domingo 7 de decembro no Cámping Lago-Mar e as entradas estarán dispoñibles a partir do luns 27 de outubro ás 12:00 horas do medio día. 

Cartel Festival Comarea-Muxia 2025

Concertos de pago (7 de decembro no Cámping Lago-Mar)

  • Bonita & Sabrosa: Alexandra e Noelia conforman este dúo de djs que nos farán gozar cos mellores sonidos funk, disco e house.
  • Carabela: Unha das grandes revelacións da nova música galega. Formada por Ana Moas, Pablo Agra, Alba V. Burke e Pablo Pazos, a banda navega entre o pop alternativo e a electrónica, cun sutil substrato tradicional, letras cargadas de emoción e influencias vangardistas que evocan referentes galegos como Néboa e Mercedes Peón, así como María Arnal e Maestro Espada a nivel estatal, ou internacionais como Slowdive e Radiohead.
  • Carlangas: O recoñecido vocalista e guitarrista de Novidades Carminha botou andar en solitario e tras publicar o seu primeiro disco volveu o ano pasado con Bailódromo vol. 1, cheo de novas cancións, novos ritmos e novas melodías que van desde a música disco ao punk, desde os ritmos latinos ás soundystem. Unha aposta que nos fará mover o corpo irremediablemente.
  • Coco María: Naceu en México e creceu rodeada de música, desenvolvendo axiña un amor por escoitar os sons da súa infancia e compartilos. O seu gusto pola música vibrante levouna a descubrir ritmos afrolatinos de Sudamérica, Centroamérica, Brasil, o Caribe e máis aló. Hoxe, a súa selección é unha mestura de xoias alegres e descoñecidas que abarcan desde o jazz ata a samba, o latin-funk e a cumbia, xunto cunha variedade de rarezas.
  • Raz & Afla: Unha exquisita colaboración entre o prolífico produtor Raz Olsher, e o músico ganés Afla Sackey, na que presentan a súa propia versión do Afro House. A súa obra é unha viaxe cósmica por todo o continente africano e máis aló.
  • Zars B: Produtor e dj de techno, house e todas as súas variantes que nos fará bailar sen descanso. 

Concertos gratuítos (do 4 ao 7 de decembro en distintas localizacións de Muxía)

  • Antela: grupo de Vigo formado por Óscar Raña, Guillermo G. Portas, Marta González e José Nóvoa, antigos membros de bandas crave do pop underground como Dois e Tulip. Acaban de gravar Mosaico Novo, un EPcomposto de 7 temas a través dos que son capaces de fundir referencias como The Go-Betweens e A Boa Vida nunha sorte de dream-pop repleto de matices e saudade caribeñas.
  • Balklavalhau: unha banda nada nunha vella taverna no centro histórico de Porto. A súa aposta é unha viaxe polas tradicións de Europa do Leste, encontrando a bordo tamén moitos matices latinos, árabes, eslavos e moitas outras harmonías, ritmos e melodías.
  • Pulpiño Viascón: Auténtico home orquesta, ten participado en incontables proxectos en Galicia e forma parte dos Diplomáticos de Monte Alto. Este decembro traerá ata Muxía a súa animada música e a súa organeta, coa que saca a bailar ata aos máis tímidos. 
  • Skanderani Band: un cuarteto con base na Estrada que nace en 2022 pero ten a súa orixe nunha gravación feita uns anos antes baseada en manter os mesmos ingredientes en todos os temas (mostras afro, baixo con distorsión, guitarra, teclado con fuzz e ritmos), usar escalas árabes e riffs repetitivos sobre ritmos tribais. O seu directo é bailable e moi pero que moi festivo.

As entradas para os concertos de pago sairán á venda o próximo luns 27 de outubro a partir das 12:00 horas do medio día. 

Máis novas

Comentarios