En marcha a obra completa de López Abente

Unha nova e boa nova arredor da Fundación López Abente. A entidade muxiá segue dando pasos de xigante, e esta semana nos informa de que xa ten un acordo coa Editorial Espiral Maior para a edición da obra poética completa do escritor muxián.

Esta edición contémplase no marco do plan de accións e actividades para o 2013, co fin de conmemorar os 50 anos da morte do escritor muxián, que morreu o 23 de xullo de 1963. Dentro desas acción se encadra a publicación da súa obra poética completa. Para a edición deste importante volume a Fundación acaba de pechar un acordo coa editorial Espiral Maior, que dirixe Miguel Anxo Fernán Vello. O volume editarase dentro da Colección “Opera Omnia” onde xa teñen saído as obras poéticas completas de Manuel María e Antón Avilés de Taramancos.

O escritor Miro Villar, patrón da Fundación, será o encargado da edición, como fixera coa Antoloxía Poética que xa editara Espiral Maior en 1995, e recentemente co inédito Bretemada, editado por Alvarellos Editora.

A obra poética completa conterá os cinco libros que Gonzalo López Abente publicou en vida: Alento da Raza, Centileos na ondas, D´Outono, Escumas da ribeira e Nemancos, e os tres libros que se publicaron despois da súa morte: Decrúa, Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca e Bretemada. Así como un conxunto de poemas que foron publicados en revistas, publicacións variadas ou que apareceron entre a documentación privada do autor, sen que foran incluídos en libros.

A Fundación manifesta a súa "gran satisfacción por este acordo, porque con esta publicación se cumprirá, en gran medida, o seu obxectivo principal que é a difusión da obra de Gonzalo López Abente". E quere "agradecer a Miguel Anxo Fernán Vello o entusiasmo con que acolleu a proposta, ao considerar que se trata dun proxecto necesario para o global da nosa literatura e o conxunto da cultura galega, polo que supón poñer a disposición dos lectores e lectoras toda a poesía dun dos poetas de máxima relevancia da nosa lingua. Inseríndose, a obra, dentro do proxecto máis amplo que significa a Colección “Opera Omnia”, que ten como obxectivo poñer ao servizo da cultura galega grandes obras da poesía, para poder ser apreciadas e estudadass no seu conxunto".

Nova presentación de "Bretemada"

O xoves, 23 de febreiro, ás 20 horas terá lugar, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, unha nova presentación da obra inédita de Gonzalo López Abente, “Bretemada”.

No acto de presentación intervirán Juan José Casares Long, Reitor da USC e Patrón da Fundación, X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente, Xosé Manuel Salgado, profesor de Literatura Galega da USC, Henrique Alvarellos, editor e Miro Villar, responsable da edición de Bretemada e Patrón da Fundación.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
  • Nota de prensa da Fundación López Abente.