Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Fernando Moreiras emulou a Plácido Castro e levou o Premio de Tradución

Fernando Moreiras emulou a Plácido Castro e levou o Premio de Tradución

Plácido Castro del Río foi unha das figuras máis importantes do galeguismo da primeira metade do século XX. O seu legado mantense ata o día de hoxe, cunha Casa da Cultura e un premio ao seu nome. Precisamente este pasado sábado, a Asociación de Tradutores Galegos, o Departamento de Tradución da Universidade de Vigo, a Fundación Plácido Castro e a Real Academia Galega fixeron entrega do X Premio de Tradución Plácido Castro na Casa da Cultura Plácido Castro.

O galardón recaeu en Fernando Moreiras, polo seu traballo achegando á nosa lingua o seu "Ensaio sobre a crítica" do poeta clásico inglés Alexander Pope, no ano que se cumpren os tres séculos desde a súa aparición anónima. O texto foi escollido entre outras 10 presentados ao certame.

O acto contou coa participación do director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, do presidente da Asociación de Tradutores Galegos, Xosé María Gómez, e o alcalde do Concello de Corcubión, Francisco Javier Lema.

Precisamente Francisco López asegurou nas súas verbas que “a tradución nos ofrece a ferramenta decisiva para incorporar na nosa sociedade os materiais alleos do capital intelectual e creativo, e, por suposto, para ofrecer fóra a calidade da nosa escrita”.
O responsable da Dirección Xeral do Libro amosou o compromiso da Xunta de Galicia coa tradución e lembrou “as liñas de axuda a proxectos editoriais que a recollen como unha das actividades básicas”. Do mesmo xeito, Francisco López asegurou que “traballamos na difusión no ámbito anglófono dos nosos grandes clásicos” e puxo como exemplo “a poesía de Lois Pereiro e mais Xente de aquí e de acolá, de Cunqueiro, na colección Galician Classics”.

Entrega do Premio de Fotografía

Ademais, e como vimos a semana pasada, Juan Louro Cambeiro levou o 1º Premio do Certame de Fotografía. Ao seu carón vemos a Luís Antonio Gómez Sáez, coa foto “Con vistas ao mar”, que levou o segundo premio; mentres que o terceiro é para Juan Carlos Traba Nemiña. Aquí os vemos escoltados polo Teniente Alcalde Lalo Insua e polo Concelleiro de Cultura José Antonio Pais.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios