Os IES de Muxía e Ponteceso participan no proxecto de Agareso “Activistas polo Mundo que Queremos”
Este luns 24 de novembro dará comezo unha nova edición do proxecto educativo “Activistas polo Mundo que Queremos”. Unha iniciativa da ONG Agareso (Asoc. Galega de Comunicación para o Cambio Social) que busca xerar activismos xuvenís nos eidos do feminismo, o medio ambiente, o antirracismo e a loita LGTBIQ+ en centros educativos galegos.
Nos seus 13 anos de historia o proxecto chegou xa a 80 centros educativos, 334 profesores e profesoras e 5.392 alumnos e alumnas, a os que se suman catro centros nesta nova edición. Moitos xa son activistas da Costa da Morte, como os IES Pedra da Aguia ou os do CEIP Xosé Pichel.
A estes engadiranse este curso o alumnado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso e do IES Ramón Caamaño de Muxía.
Durante as primeiras sesións (luns 24 e martes 25 estarán en Ponteceso con 3º e 4º ESO) e o vindeiro 2 de decembro en Muxía, co alumnado de 2º, 3º e 4º ESO), farán un achegamento ao concepto de “activismo”, en torno ao que xira o proxecto, cun itinerario composto por oito obradoiros denominados “paradas”, que se desenvolverán ao longo de todo o curso escolar. O obxectivo final consiste en formar unha cidadanía activa e crítica, que identifique e combata as ameazas arredor da convivencia.
Despois da primeira visita, haberá unha sesión virtual en decembro onde o alumnado poderase vincular a unha das catro posibles liñas de activismo (ambiental, feminista, LGTBI e antirracista) buscando as maneiras de actuar na súa contorna a nivel local contra problemas que teñen repercusión global.
En xaneiro, nova sesión presencial sobre comunicación transformadora, a través dunha profunda e necesaria análise dos medios de comunicación de masas e as redes sociais desde unha perspectiva crítica.
En febreiro prepararán os Guións do programa de radio, que gravarán en marzo, cando ademais reciban a visita de activistas do sur do planeta. O proxecto completarse en xuño co escoitado dos programas e a avaliación.