Domingo. 28.04.2024
El tiempo

O alumnado do CPI Xosé Pichel realizou unha viaxe activista por Honduras

Activistas de Honduras no CPI Xose Pichel con Agareso
O alumnado do CPI Xosé Pichel realizou unha viaxe activista por Honduras

Que sorte está tendo o alumnado do CPI Xosé Pichel coas visitas da ONG de xornalistas Agareso. Hai unhas semanas xa participaron nun obradoiro de activismo radiofónico, e onte recibían unha visita moi especial.

Dúas activistas de Honduras que loitan contra a desigualdade de xénero e os abusos medio ambientais no seu país, achegáronse ao centro para compartir coa alumnado as súas experiencias vitais. Unha sesión artellada no marco da iniciativa “Activistas polo mundo que queremos” dentro do Plan Proxecta, á que se adheriu o centro a comezo de curso gracias á implicación do profesorado.

O obxectivo do encontro entre as activistas e o alumnado é que as mozas e os mozos coñezan a loita destas mulleres de primeira man, se inspiren na súa forma de intervir na súa realidade a través do activismo, e tamén reflexionen sobre as desigualdades norte-sur. E Honduras é un dos países do mundo máis perigosos para exercer o activismo e a defensa dos dereitos humanos, e a rapazada coristanquesa quixo afondar cunha marea de preguntas.

Quedaron tremendamente impactados cando Jaira Maribel Castillo Vasque e María Esther Ayala Escalante falaron das persecucións e os asasinatos que sofren as persoas activistas no seu país. “O silencio que se creou na aula foi abraiante”, explicou o educador social larachés Eloi Fernández, membro da expedición de Agareso.
Unha mocidade que tamén se interesou polo medio ambiente, ou como lle chaman as activistas hondureñas, “os bens comúns”.

As protagonistas

Activistas hondurenas no CPI

Jaira Maribel Castillo Vasquez é unha muller do pobo orixinario lenca, feminista, produtora vinícola, pintora, e defensora das mulleres, da terra e do territorio. Forma parte da Unión de Trabajadores del Campo (UTC) unha organización que leva anos loitando contra os abusos dos proxectos industriais e extractivos en Honduras.
Actualmente existe no país unha alarmante problemática con respecto á explotación mineira que por un lado xenera inevitables consecuencias sobre os recursos naturais ao modificar a propia xeografía e orografía do país, e por outra provoca o desprazamento forzado de milleiros de persoas orixinarias destas terras.

Pola súa parte, María Esther Ayala Escalante é Licenciada en ciencias xurídicas e sociais, feminista e defensora dos dereitos humanos. Traballa como educadora no Centro de Derechos de las Mujeres (CDM) unha organización feminista que leva máis de trinta anos loitando polos dereitos sociais, laborais e reprodutivos das mulleres en Honduras.

Activistas de Honduras no CPI Xose Pichel con Agareso 2

Novas relacionadas

Comentarios