Muxía rendeu unha nova homenaxe a Pazos de Merexo polo seu centenario
Muxía rendeu homenaxe este sábado a Manuel Pazos Redonda, coñecido como Pazos de Merexo, coincidindo coa data na que cumpriría 100 anos. O Concello, no marco do programa das Letras, encheu o Auditorio de Servizos Múltiples coa música do acordeonista gracias ao grupo Acordeireta de Vigo, que xunto con Adríán, neto de Pazos, interpretaron xuntos un par de pezas do acordeonista merexán.
"Onte Pazos levantou unha vez máis esas dúas mans que izaría o ceo xuntas como cando remataba de tocar as súas pezas e recibía os aplausos dos presentes, nos actos nos que tocaba", recoñecen dende a familia.
O acto arrincou co seu neto Adrián Lago Pazos, sentado nunhas escaleiras e tocando a mazurca e o valse que tanto lle gustaba tocar a dl, e proseguiu coas verbas dos participantes no evento, tanto Xan Fernández coma Xose Manuel Varela, fixeron unha fonda disección do que significou Pazos para a cultura galega, como persoa e como artista, xa que non se pode desligar unha cousa da outra.
Xosé Manuel Varela constataba a importancia de Pazos na música da Costa da Morte e lembraba a primeira vez que este fora as ruadas de Bergantiños na casa do Oleiro, e que ao ano seguinte a foto de Pazos fora o cartel do evento e esta foi unha sorpresa enorme para el, ao chegar a casa dixo, “e estaba a miña foto por todos os lados”. Desa época vén a amizade coas Raigañas e a comarca de Malpica, Buño e Ponteceso, que contaban con Pazos para a celebración das Letras Galegas. Varela tamén falou de cando coñeceu e tocou con Kepa Junquera, e de cando foi nomeado Mestre da Memoria no ano 2018.
Unha das intervencións máis sentidas, foi a de Xan Fdez. Carrera, que destacou o seu talento e a súa "incansable teima" para seguir tocando o instrumento do seu soño. "Eu coñecín a Pazos tarde, xa de maior, pero coñecino nun ambiente no que el gozaba e se sentía a gusto. Foi na festa da Barca, despois de xantar, na zona da Pedriña, a carón do secadoiro de congro, xunto coa familia; tocando o seu acordeón diatónico para o grupo familiar e outros romeiros que se achegaron. Disto hai xa ben anos, nos tempos nos que aínda se conservaba a tradición de vir á Barca en familia, comer ao aire libre, sobre todo o domingo despois da misa solemne, e a continuación, viña a festa", relataba Carrera.
Lembrou que Pazos tocaba para todo o mundo, non só para a súa privilexiada familia (polo feito de ter un músico así), e sempre tocaba en "festas familiares, romarías, palilladas, salóns de baile ou na propia rúa. Aquel que sente a música, goza tocando ou vendo como a xente baila, e isto pasáballe a Pazos de Merexo".
Carrera contou cousas moi concretas. "Cada grupo familiar tiña un lugar fixo para xantar e armar a troula. O lugar da familia de Pazos era a Pedriña, e nel sempre había animación. Alí vino tocar varios anos coa alegría que o caracterizaba, rodeado sempre de xente". "Non viría mal que a romaría da Barca recuperase esa tradición de xantar ao aire libre", aconsellou, animando aos presentes represantes municipais de rescatar esa parte de merenda da romaría máis tradicional da volta.
"A homenaxe que hoxe lle dedicamos ao músico muxián Pazos de Merexo no centenario do seu nacemento, é ben merecida, grazas a estes músicos populares: gaiteiros, acordionistas ou pandeireteiras, conservouse a nosa música tradicional, eles e elas fixeron de vínculo de unión entre as xeracións anteriores e os grupos actuais, que beben desa riqueza musical para innovar e crear as súas composicións. Sen músicos como Pazos de Merexo, Os Maravillas de Corme, as pandeireteiras de Mens ou Eva Castiñeira, non existirían hoxe Milladoiro, Berrogüeto, Carlos Nuñez, Xabier Díaz, Mercedes Peón ou As Tanxugueiras. En Galicia hai unha explosión de grupos grazas a esa riqueza musical que existiu no pasado. Por iso é tan importante recoñecer o mérito dos nosos músicos populares, coma Pazos de Merexo, quen serviu de referencia e foi mestre de moitos dos que na actualidade tocan o acordeón diatónico". "Agora cómpre saber conservar ese legado e dalo a coñecer ás futuras xeracións. Este acto que estamos a celebrar xa contribúe a esta finalidade, pero convén que teña continuación nos vindeiros anos para que esa herdanza musical que Pazos nos deixou se manteña viva", pechaba Xan Fernández Carrera.
Máis adiante xa interviñeron Sandra Vilela, Concelleira de cutura e Javier Sar, o alcalde de Muxía, os cales tiveron unhas fermosísimas palabras, nas que destacaron a importancia de Pazos, como referente da cultura muxiá, e onde fixeron fincapé tamén da súa grande humanidade como persoa.
O acto rematou con María José Pazos Liñeiro, a filla do Mestre, a cal arrincou os choros de moitos dos presentes o lembrar a seu pai. “Meu pai, despois destes longos anos sen ti. Hoxe que farías cen, síntome chea de alegría, de Grazas por estar sempre aí,…”
Despois viría o recital do grupo Acordeireta, donde Patri e Alex, tocaron pezas de Pazos, e do seu segundo disco, así como a presentación da canción adicada a Begpña Camaño a quen van adicadas as letras galegas este ano, e que foi primicia mundial.
Arrincaron o público a cantar cando tocaron Veño da Virxe da Barca e cando cantaron Ai Lourido Xurarantes donde os presentes se arrincaron con eles, o acto rematou con Patri, Alex e Adrián o neto de Pazos tocando o Vals e a Mazurca, e así rematou.
Sempre Pazos, e como dixo María José, Viva Muxía, Viva Merexo, e Viva Pazos.