Piden á Xunta a rehabilitación do muro da igrexa de San Martiño de Ozón

O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, rexistrou iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta que realice un estudo para avaliar canto antes as deficiencias na cuberta e muros interiores da Igrexa de San Martiño de Ozón, en Muxía, así como a atopar unha solución para arranxar e levantar un muro derrubado ao pé do camiño xacobeo.
Desde o BNG advertiron que o estado de conservación do conxunto arquitectónico de San Martiño de Ozón, que está situado na Prolongación Xacobea a Fisterra (variante de Dumbría), non é o máis adecuado. Indicaron que a igrexa parroquial presenta deficiencias nas cubertas e nos seus muros, o que provoca numerosas filtracións de auga que afectan ao patrimonio escultórico, artístico e bibliográfico da igrexa.
Así mesmo, os nacionalistas sinalaron que o muro de pedra que pecha o recinto da parcela do antigo mosteiro ten aproximadamente cinco metros derrubados, e as pedras están enriba do mesmo camiño de peregrinos que está sinalizado como vía romana e que forma parte do Camiño de Santiago.
Mercé Barrientos, portavoz do BNG de Muxia, visitou a igrexa a petición dalgunhas veciñas, que aproveitaron para trasladarlle a súa inquedanza polo estado de conservación do templo, ao que acoden como membros da parroquia. "Observamos que as cubertas están en mal estado e a canle central do tellado filtra auga polos muros abaixo, de xeito que a humidade afecta xa a muros e retablos; tamén comprobamos o estado deficiente do piso de madeira superposto ao solado de pedra”, sinalou Barrientos.
A voceira nacionalista precisou que “é necesaria unha intervención urxente e de calado para garantir a conservación do ben; non é o único patrimonio relixioso do concello en perigo. Tamén a igrexa de Coucieiro, co retablo do século XVIII moi deteriorado e, por suposto, o santuario da Barca, requiren actuacións para a súa conservación e posta en valor”.
Mercé Barrientos subliñou que “coa poboación das parroquias envellecida e minguando cada ano, resulta complicado que poidan afrontar os custeos de mantemento deste patrimonio sen axuda institucional”.