O Proxecto Sisargas espalla a labor das oficios tradicionais das mulleres do mar
Acollía onte o IES Ramón Caamaño de Muxía unha actividade no marco do Proxecto Sisargas impulsado por ANMUPESCA (Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca) e apoiado polo GALP Costa da Morte.
O acto "Cociñamares" serviu para poñer en valor os oficios tradicionais das mulleres vinculados ás actividades pesqueiras e a cultura do mar e tamén os produtos pesqueiros da Costa da Morte.
Na xornada expuxéronse os resultados do proxecto Sisargas a través da secretaria de ANMUPESCA, Ángeles Mille, Redeira da Asociación “O Fieital” de Malpica.
A Directora Xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, resaltou a importancia que ten a formación profesional dual para o emprendemento e o emprego no sector da hostalaría nun territorio como é a Costa da Morte, cunha demanda cada vez maior, sendo, tamén a mellor maneira de poñer en valor o produto pesqueiro.
No mesmo sentido, a Directora do IES Ramón Caamaño, Pilar Mirón, resaltou a ilusión e as capacidades que ten o centro na formación dos futuros profesionais da hostalaría, adquirindo competencias e técnicas de cociña que poñen en valor o produto pesqueiro da Costa da Morte.
Neste relatorio a nutricionista do Sergas, Cecilia Áurea Casais, incidiu na importancia de manter unha alimentación saudable como é a que se orienta ao consumo do produto pesqueiro e o produto KM0.
A Xornada contou, tamén coa participación de Guillermo González, Xerente do GALP Costa da Morte, que expuxo a relevancia deste tipo de proxectos dentro do marco de axudas do FEMPA, Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura. Actualmente está aberto o prazo de presentación de solicitudes de axuda do citado fondo ata o próximo día 21 de marzo.