Luns. 06.05.2024
El tiempo

A FP Básica de Cociña e Restauración despega con forza no IES de Muxía

Alumnado do IES de Muxia de FP COcina e Restauracion.jpeg 2
Alumnado do FP de Cociña e Restauración do IES muxián en Samaín
A FP Básica de Cociña e Restauración despega con forza no IES de Muxía

A tan demandada formación dual no sector da cociña e da restauración arrincou o pasado mes de setembro no IES Ramón Caamaño de Muxía. Ao longo destes dous meses, o total de 12 alumnos matriculados na Formación Profesional Básica Dual están a cursar as materias correspondentes á primeira fase de formación no centro educativo, con materias xerais dos ámbitos científico e lingüístico e tamén con materias específicas de hostalería: preparación de alimentos e bebidas, catering e técnicas de servizo.

"O alumnado está moi comprometido co ciclo e traballando a bo ritmo", recoñece a directora do centro Pilar Mirón. A comezos do mes de novembro, e despois dun proceso previo de creación da carta de produtos, comezaron xa a realizar “prácticas” reais na cafetería que teñen montada no centro, abrindo ao público nos recreos dos luns e os martes, convocando concursos de crítica culinaria entre o alumnado, colaborando activamente como persoal de servizo nas festividades do centro nas que se ofrecen pinchos e proxectando novas iniciativas a poñer en práctica nos vindeiros meses. Aí estivo a celebración de Samain, todo un éxito.

Alumnado do IES de Muxia de FP COcina e Restauracion
A nova cafetería do FPB

No mes de marzo, os rapaces participarán na segunda fase do ciclo, o da formación nas empresas hostaleiras da contorna, como O Parador de Lourido, A Lonxa DÁlvaro, As Baleas, Son do Mar, a Casa do Peixe, A Furna, A Marina, O Hotel Insua, O Semáforo ou o Villa de Oro, que os seleccionaron despois dunha  entrevista persoal, e asinarán un contrato de formación que lles permitirá traballar ata agosto nos diferentes locais, para poñer en práctica todo o aprendido.

"A experiencia está a ser moi enriquecedora para o alumnado, porque lles brinda a oportunidade de coñecer a realidade da hostalería desde dentro, e contribúe a dar prestixio e profesionalidade ao sector", explica Mirón. "Igualmente, a experiencia está a ser enriquecedora para o profesorado que imparte clase no ciclo e para a dinámica xeral do centro", explica, esperando que todo isto sirva para "sentar as bases para o futuro formativo do sector hostaleiro na Costa da Morte".

Máis novas da FP

 

Comentarios