“Por riba do catálogo”: A Xunta volve negar máis persoal para os centros educativos de Cee e Muxía
Volveu tirar de números o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e ante a visita dunha delegación de nais da comarca, deixou claro que a Xunta non vai reforzar o o profesorado para o alumnado con necesidades especiais de Cee e Muxía.
Ante as preguntas no Parlamento do deputado do BNG Oscar Insua, Román reiterou que a dotación de persoal é “axeitada” e que “estes colexios e institutos contan con persoal de apoio adecuado ás necesidades do alumnado, incluso nalgúns casos por riba do que lles corresponde por catálogo, é dicir, pola súa tipoloxía”. Esa frase que saca de quicio ás comunidades escolares, que non entenden como a Xunta pode seguir tratando como números ás crianzas, sen escoitar ás demandas de profesores, direccións e ANPAS.
O deputado do BNG pola comarca recordou nunha pregunta parlamentaria que, aparte das concentracións que manteñen desde hai semanas diante das portas dos centros de ensino, as Anpas xa se manifestaron dúas veces en Cee e outra en Muxía, ao tempo que onte mesmo as nais e pais da Anpa ‘A Granxa’ do CEIP Bergantiños de Carballo saían as rúas a protestar polos recortes no profesorado especialista para atender ao alumnado con necesidades educativas.
“Vostede di que o curso comezou con normalidade, non sei onde, porque na Costa da Morte comezou con recortes de profesorado”, reprochou ao titular de Educación, ao que recordou que son precisos máis profesores e profesoras de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe e tamén algún coidador máis. “As contas están feitas e enriba da mesa”, sintetizou Insua.
A gran trampa das Necesidades educativas especiais: “por dous ou por tres”
Pero A Román non lle treme o pulso, e tira de números, sinalando que “todas unidades están por debaixo das rateos máximas establecidas, incluíndo as xa reducidas pola Xunta a 20 alumnos por aula en 4º e 5º de Educación Infantil”. Explica aí a gran trampa da Xunta: “Tamén se pondera ao alumnado con necesidades educativas especiais, por dous ou por tres, tanto en Infantil como en Primaria, o que tamén contribúe a mellorar mellora a atención destes escolares”. Esta é a gran trampa das cifras da Xunta, contabilizando as NEE dun xeito absolutamente irreal e ilóxico, sen ter en conta a diversidade de cada caso.
Cifras concretas
E se puxo a dar cifras Román: “No que atinxe aos casos concretos, o Colexio Plurilingüe Vila de Cee conta este curso Cun especialista en Pedagoxía Terapéutica e dous en Audición e Linguaxe (un deles a media xornada), ademais de ter tres coidadores, un máis ca o ano pasado. Así as cousas, o centro está dotado por encima de catálogo e coa maior parte das aulas por debaixo das rateos máximas. De feito, das 340 prazas dispoñibles, só están ocupadas unhas 283.
Tamén dispón de recursos suficientes o Instituto Agra de Raíces (en Cee), que ten dous especialistas en Pedagoxía Terapéutica para seis alumnos con necesidades especiais, de acordo co informe de Inspección.
No caso do CEIP dos Muíños (Muxía), ten medio especialista en Audición e Linguaxe máis do que lle corresponde para atender o alumnado con necesidades. As aulas están moi por debaixo das rateos máximas, de tal forma que das 140 prazas das que dispón só ten ocupadas 93.
Pola súa banda, o CEIP Virxe da Barca (Muxía) está dotado cun especialista en Audición e Linguaxe compartido con outro centro, o que é suficiente para atender as necesidades neste pequeno colexio, que conta con 38 alumnos en total”.
As familias indignadas
É capaz de indignar ás familias o Conselleiro que se cre que “non teñen máis cousas que facer que ir a protestar para defender os dereitos dos seus fillos e fillas”.