martes. 16.12.2025
El tiempo

Arrincou a primeira das dúas xornadas de folga do profesorado

FOTO FOLGA Profesorado IES Fontexeria de Muros
O profesorado do IES Fontexería de Muros en folga
Arrincou a primeira das dúas xornadas de folga do profesorado

Con menos incidencia da que debería entre as familias (si que conta co apoio oficial das ANPAS Galegas), arrincou a primeira xornada das dúas de folga convocadas por CIG e STEG do profesorado do país, para profestar recortes e desmantelamento do ensino público galego. A de hoxe é xa o cuarto día de folga do profesoado neste primeiro trimestre de curso, e a enésima mobilización das comunidades escolares, o que dá conta da falta de interese da Xunta de paliar as carencias que levan denunciando familias, ANPAS e centros de ensino dende setembro: falta profesorado de apoio para as Necesidades Educativas Específicas.

O profesorado da comarca realizou un seguemento dispar da folga, pero houbo mesmo que fixo un parón á hora do recreo, para debullar as súas demandas. Este é o manifesto do profesorado muradán:

O por que da folga

Nos últimos anos estamos asistindo a unha mingua, sutil e pausada, pero continua, das nosas ferramentas de traballo e dos nosos dereitos laborais. Isto supón, entre outras cousas:

  • 1.- Dificultade, e mesmo imposibilidade, de atención individualizada en aulas con alumnado diverso e complexo por falta de tempo e de recursos humanos (profesorado de apoio, PT ou orientación).
  • 2.- Obriga a impartir docencia de materias nas que non somos especialistas (por exemplo o profesor de galego da tamén lingua castelá ou a profesora de francés imparte filosofía). Para nós é un gran esforzo de preparación pero, sobre todo, supón unha perda de cualidade no  ensino que reciben o noso alumnado.
  • 3.- Equipos de orientación escasos. A consecuencia e alumnado mal atendido e mal acompañado no seu proceso de maduración.
  • 4.- Carga administrativa desproporcionada e en aumento. Isto xera moitas horas de traballo que non podemos ocupar preparando clases, actividades, e estando ao día en innovacións que fan máis atractivo o estudos da rapazada.
  • 5.- Recorte continuo do número de profesoras e profesores que afecta, sobre todo a IES pequenos coma o noso, minguando a oferta de optativas e as posibilidades de realizar desdobres.
  • 6.- Itinerancia do profesorado que repercute na nosa posibilidade de conciliar e causa que boa parte do claustro dun centro varíe cada ano, dificultando poñer en marcha proxectos de traballo estables nos centros.

POR TODO ISTO sumámonos estes días á folga porque queremos mellorar esta situación: por nós, polos nosos dereitos como docentes,  pero sobre todo polos DEREITOS DO ALUMNADO, o principal prexudicado, ao que queremos darlle a mellor educación posible.

Máis novas

Comentarios