Masiva concentración autonómica en Cee contra a falta de profesorado auxiliar
Gran resposta das comunidades escolares de toda a comarca de Fisterra, Soneira e Carnota (e mesmo de Lugo) á concentración convocada pola Federación de Anpas da Coruña-Costa da Morte este luns 8 de decembro en Cee. Centos de familias acodiron para denunciar o gran cabalo de batallo do ensino público galego neste curso: a carencia de profesorado especialista de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL), así como con falta de persoal coidador, o que vulnera o dereito do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo a unha escolarización en condicións de igualdade.
Ducias de familias amosaron a súa preocupación pola falta de resposta da Consellería, e dende a ANPAS Galegas solicitaron audiencia coa Subdelegada do Goberno para entregarlles un informe que van realizar esta mesma semana.

Representantes das ANPAS leron un comprometido manifesto que facía fincapé no “trimestre de silencio do señor Conselleiro”. Un Conselleiro que segue contando os nenos como números, e que non para de repetir en sede parlamentaria que as familias minten, e que as cifras e os ratios dos centros superan o estipulado por lei.
As propias ANPAS recoñecen que “nunca tantas protestas se deran en todo o territorio galego, e durante tanto tempo, por parte das familias. Nunca se amosara tal sentimento de unidade, concienciación, persistencia e insistencia ante o desleixo da Consellería de Educación, ante o abandono do alumnado nas aulas e ante a burla, porque é unha burla, cara ás familias que saímos á rúa clamando e reclamando o que por dereito nos pertence: Unha educación pública de calidade, inclusiva e igualitaria para todos e todas”.
O manifesto critica o “peche de escolas; o caso omiso ás incidencias que se lle trasladan dende as direccións dos centros, e os RECORTES. Os nosos centros de ensino están sofrindo a maior desatención á diversidade dos últimos cursos. Nos centros de ensino público galego acumúlanse casos de alumnas e alumnos que acoden cada día á escola sen recibir as sesións de apoio educativo que precisan para avanzar na súa aprendizaxe, consolidar contidos básicos ou mesmo comunicarse coa súa contorna. Nenos e nenas neurodiverxentes, con trastornos da comunicación e da linguaxe, dificultades graves de aprendizaxe ou recentemente chegados que aínda non dominan as linguas oficiais están a quedar sen a intervención especializada que a normativa recoñece como un dereito e a Consellaría entende como un privilexio”.

Reiteran o gran cabalo de batalla deste curso: “A falta de profesorado PT e AL vese agravada pola insuficiencia e precarización do persoal coidador, ao que se lle está a derivar, de maneira inxusta, parte da responsabilidade na atención do alumnado máis vulnerábel, sen a formación nin o recoñecemento profesional que correspondería. Ao tempo, limítanse os desdobres, increméntanse as ratios e xeneralízanse instrucións internas que impiden unha correcta organización dos recursos de atención á diversidade, mesmo cando a realidade do centro e do alumnado xustificaría reforzos específicos”.
E deixan claro que “unha vez máis a política de recortes da Consellería de Educación pon o foco no alumnado máis vulnerábel, ao alumnado con Necesidades de Apoio Educativo”.
”Señor Conselleiro, xa que se lle dá tan ben facer números, elabore un ratio real para o alumnado NEEAE e NEE en cada centro, que faga unha asignación de profesorado especialista PT e AL en función do horario que lle corresponde a cada centro e non repartindo os PT e AL nin en medios nin en cuartos, que non persoas e non se deberían partir”, sinalan con rotundidade a esa práctica de enviar medio PT compartido entre dous ou tres centros.
”Non é un privilexio o que pedimos”, deixaron patente coa súa protesta, deixando claro que seguirán pelexando por unha educación pública digna, inclusiva e de calidade.




