A Romería da Virxe da Barca, a festa que pecha o verán

O Santuario da Nosa Señora da Barca de Muxía acollía este mércores a presentación do programa de actividades da Romaría da Virxe da Barca de Muxía. Esta cita, declarada Festa de Interese Turístico Nacional desde 1989 (unha das 14 galegas, e a única da Costa da Morte con esta catalogación), simboliza o peche do verán na comarca.
Os días grandes da celebración serán entre os vindeiros 12 e 15 de setembro, se ben a programación litúrxica comezará o día 4 coa Novena da Barca.
Orquestras de renome
O presidente da Asociación Cultural Romería da Barca de Muxía explicou o programa cultural desta edición 2025. “Non faltarán as orquestras de renome e haberá unha gran actuación final de Soraya, que porá o broche de ouro á programación deste ano”, anunciou na presentación desta mañá.
Con respecto á propia programación, iniciarase o venres 12 de setembro coa tirada de 21 bombas de palenque ás 12.00 horas para despois dar paso aos pasarrúas de xigantes e cabezudos con grupos de gaitas pola vila. Un comezo de xornada que se repetirá os seguintes días (o sábado 13, á mesma hora, mentras que o domingo 14 e o luns 15 terá lugar ás 09.00 horas).
As actuacións musicais seguirán sendo as protagonistas na zona do porto durante as catro xornadas festivas. Así, o venres 12 a sesión vermú correrá a cargo de Disco Móvil CDC e para a verbena nocturna ofrecerase a actuación de “Kubo, que conta co palco máis grande de España” -indicou Pérez Barrientos-, e finalizarase a velada coa Disco Móvil CDC.
O Sábado da Barca haberá unha sesión vermú amenizada por Alianza e, xa pola noite, a gran actuación da París de Noia, xunto coa anterior orquestra. Non faltará ás 00.30 horas a gran sesión de fogos artificiais desde o peirao.
A pirotecnia continuará o día grande da Romería da Virxe da Barca, domingo 14 de setembro, coa tirada da maior traca de bombas de palenque de toda Galicia ás 14.30 horas, seguida dunha actuación da Coral Polifónica Virxe da Barca. Haberá macrosesión vermú con Acordes e Galaxia, que repetirán pase á noite xunto coa orquestra Los Satélites.
A Orquestra M-3 Show será a encargada o luns 15 de amenizar a sesión vermú. O broche de ouro á celebración porao a cantante Soraya, a partir das 23.30 horas no peirao muxián.
Programación relixiosa
Pola súa banda, Daniel Turnes encargouse de debullar o programa relixioso para estas xornadas. Toda información está dispoñible na web do Santuario (https://santuariodeabarca.org/). O párroco indicou que durante a Novena e todas as xornadas festivas haberá sempre sacerdotes para atender en confesión.
Os actos litúrxicos comenzarán o 4 de setembro coa celebración da Novena da Barca, con misas todos os días ás 09.00 e ás 19.00 horas. Nestas últimas, cada día contarase cun sacerdote diferente para a realización da Eucaristía. Durante a Novena (ata o día 12) haberá actos extraordinarios, entre os que salientan os do sábado 6 de setembro, coa celebración coas crianzas ás 17.00 horas e a saída da Procesión nocturna das Antorchas ás 20.30 horas desde o Santuario da Barca. O domingo 7 haberá a tradicional celebración coas persoas maiores e enfermas, e o martes 9 realizarase o funeral polos difuntos devotos da Barca.
Xa dentro dos días grandes da festa, o sábado 13 haberá misas ás 11.00, 13.00 (cantada), 18.00 e 19.00 horas, que tamén se repetirán ao día seguinte. Porén, o Domingo da Barca ofrecerase a Misa de Campaña ás 13.00 horas, que contará coa Coral Polifónica Virxe da Barca para despois iniciar a procesión ata o porto e realizar a tradicional bendición.
O Luns da Barca ás 10.00 horas sairá a procesión da Igrexa parroquial ata o Santuario, onde se desenvolverá unha Misa solemne. O último dos oficios terá lugar ás 19.00 horas con outra Eucaristía.
Daniel Turnes animou a veciñanza e visitantes a participar nos actos relixiosos, ao tempo que lembrou que, seguindo a liña iniciada o ano pasado, “retransmitiremos misas e a Novena en streaming, a través da páxina de Facebook do Santuario”. Deste xeito, procúrase achegar os oficios no Santuario da Barca a calquera persoa do mundo.