Arrinca o mellor campamento de verán do planeta

Monitorado na presentación da Escola de Verán do Couto 2026-Foto-FEP

Este luns, O Couto abría as súas portas ao mellor campamento de verán do mundo. A Escola de Verán da Fundación Eduardo Pondal botou a andar este luns coa tradicional reunión organizativa coas familias. Se ben os máis de medio centenar de monitores xa levan semanas de preparación de contidos e de organización dos grupos, o campamento propiamente dito comeza este vindeiro luns 3 de agosto.

Familias na presentación daEscola de Verán do Couto 2026-Foto-FEP

Dende o 3 ata o 28, 445 rapaces e rapazas de toda a comarca gozarán de actividades nas que están implicada toda a aldea. Porque ademais do monitorado oficial (moitos son canteira da propia escoliña) os maiores e as maiores do lugar son uns formadores de vida máis. As súas eiras, as súas cociñas abren as portas para que a rapazada aprenda de primeira man a vida do campo facendo do voluntariado sénior unha pata fundamental desta aprendizaxe.

Eses espazos súmanse aos da Casa dos Veciños e a toda a Fundación Eduardo Pondal, que se convirte nun verdadeiro fervedoiro. Durante case o mes de campamento aprenderán o mellor da escola rural e a escola ao aire libre, sempre en contacto coa natureza, e realizarán saídas pola contorna, para coñecer a fervenza da Brixería, por exemplo, pero sobre todo compartirán o verán. 

Foto de Anthia Romero

Este verán, máis ca nunca, farán fincapé na escola da igualdade, contando ademais como novidade cunha monitora da Igualdade, a xornalista da casa Verónica Couto. A través de xogos, obradoiros, contacontos e dinámicas adaptadas ás diferentes idades, traballaranse cuestións como a igualdade entre mulleres e homes, a diversidade familiar e cultural, o respecto ás diferenzas, a inclusión e os dereitos das persoas LGTBIQ+.
Este ano tamén haberá apoio educativo a nenas e nos con necesidades especiais, da man de Sheila.

Como citas singulares estarán a xornada de Valarés o 21 de agosto, que serve ademais para que a aldea se vista de Festiletras. 
Ademais, o gran festival no que a cativada fará os seus xa míticos bailes, será o 25 de agosto ás 19:00h

O Monitorado preparando o campamento-Foto-FEP

 

Máis novas