mércores. 27.08.2025
El tiempo

A comunidade da Escola de Verán do Couto viviu o seu máxico festival

Festival da Escola de Veran do COuto
A comunidade da Escola de Verán do Couto viviu o seu máxico festival

Onde a pasada fin de semana actuaron Baiuca, Ortiga ou De Ninghures polo Festiletras, nese mesmo escenario subíronse este martes os 450 nen@s da Escola de Verán do Couto. Ese auténtico campamento de aldea que é a verdadeira envexa de todo o país. Ese verxel de talento e compromiso que durante o mes de agosto é un sopro de orgullo aldeán para crianzas de toda a provincia.

Festival da Escola de Veran do COuto 2
O escenario do Festiletras tamén foi o do Pirata Fest

Esta pasada tarde a eira da Fundación enchíase de vida para o Pirata Fest. Foron os piratas e o mar o fío condutor desta 43 edición da escoliña estival da aldea gala das letras, e a festa de despedida (aínda queda esta semana de actividade matutina antes das bágoas do remate do curso) foi “unha velada chea de música, alegría, amizade e emocións que quedará gravada para sempre na nosa memoria“. 

Máis alá das babas que lles caían a todas as familias aos ver aos seus peques bailar temas de De Ninghures, The Rapants (tamén houbo Melodys e demais...) mención especial merece o pequeno Manu, que coa súa interpretación do manido Expresso Macchiato (a canción letona de Eurovisión) sacou os meirandes aplausos do atento auditorio natural.

A propia Fundación Eduardo Pondal recolle frases que lle foron chegando das familias como “Este é un sitio seguro para os nosos fillos”; “meu fillo só fala galego aquí”, “Grazas por deixar que sexa unha nena coma as demais”, “sodes unha familia chea de enerxía e cariño” ou “o que necesitan os nosos nenos son referentes coma vós”.

Porque en gran medida, un dos grandes alicerces desta Escoliña son os seus formadores e formadoras. Rapaces e rapaces de toda a comarca que pasaron como alumn@s e ao pasar da quincena se convirten en monitor@es, cun compromiso tremendo e un sentimento de comunidade xerado durante 4 décadas nunha aldea especial, onde todo o mundo aporta.

Monitoras da Festival da Escola de Veran do COuto
Monitoras da Festival da Escola de Verán do Couto

Porque ver aos vellos do lugar controlando o tráfico durante todo o mes, informando ás familias de onde teñen que deixar ás crianzas, dando masterclass de horta, costura, cestería… é algo marabilloso. Pero tamén é tremendo ver ese grupo de 50 rapaces da comarca, que forman unha verdadeira familia, de confraternización, amizade e compromiso. Unha verdadeira experiencia vital e profesional para todos eles, moitos que son o serán formadores das vindeiras xeracións.

Estamos nas mellores mans.

Pasen a ver o vídeo que merece a pena.

Máis novas

Comentarios