Sábado. 27.04.2024
El tiempo

“Estar na Escola de Verán do Couto é sentirte parte dun fío cada vez máis forte; fío de valorar o noso, fío de confraternidade e apoio”.

  • A Escola de Verán do Couto, unha inmellorable canteira de mestras e outras profesionais
Mestras da Fundacion Eduardo Pondal
Equipo de mestras da Escola de Verán da Fundación Eduardo Pondal
“Estar na Escola de Verán do Couto é sentirte parte dun fío cada vez máis forte; fío de valorar o noso, fío de confraternidade e apoio”.

Xa o vimos na no festival de “fin de campamento”. A Escola de Verán que organiza a Fundación Eduardo Pondal no Couto é algo especial. A cativada, habitual protagonista destes eventos, tivo que compartir escenario co marabilloso colectivo de monitoras, e coas bravas voluntarias sénior, demostrando ser un verdadeiro caladoiro de talento interxeracional.

E falando do que pode ser perfectamente o mellor campamento de verán do mundo, no que están involucradas máis de 100 persoas, queremos facer fincapé no papel das mestras. Algunhas son mesmo veciñas dalgunha desas 80 casas da aldea gala, outras xa foron alumnas durante a súa idade escolar; outras veñen de toda a comarca chamadas pola educación vangardista que ofrece esta singular escola de verán, onde se mesturan as técnicas máis avanzadas de xogos coas crianzas, co compartir os saberes tradicionais gracias á implicación da veciñanza.

”Síntome orgulloso da implicación do voluntariado sénior e da involucración das mestras, estamos descubrindo verdadeiras máquinas”, sinala un satisfeito Xosé María Varela, o armadanzas dende hai 40 anos desta proposta de conciliación.

Porque a Escola de verán é unha aprendizaxe fantástica para esas persoas que teñen na mente, ou xa son, mestras, profesoras, formadoras, que empregan o seu agosto de vacacións nesta experiencia. Todo baseado en dous alicerces: tratar ás criaturas con naturalidade e agarimo.

O grupo que forman, a convicencia que se xenera neste máxico agosto agroma en exemplos como o vivido no festival, no que se deshinibiron completamente diante das familias facendo bailes, karaokes… E iso foi posible gracias á confianza no seu grupo, e na resposta sempre positiva de todas as familias que tanto agradecen contar cunha escola coma esta.

Falamos con elas e despois deixamos a súa listaxe:

 
  • QPC: Algunhas de vós xa formastes parte da escola pero como alumnas. Cando vos fostes decatando de que tamén iades querer ser monitoras? Como é vivilo dende o outro lado?

- Paula Blanco: “Como presente monitora e pasada alumna reafirmo o que diciades de que “é a mellor escola do mundo”, porque sempre hai sitio para todos e para todas. Se desde nena te sentes respectada e parte imprescindible dun quebracabezas, o teu subconsciente obrígate a seguir formando parte dese lugar acolledor. Iso foi o que me pasou a min, desde cativa observei como os meus compañeiros e compañeiras se convertían en monitorado chegados a determinada idade, estes funcionan como referentes para ti cos que vas medrando até querer seguir os seus pasos o día de mañá. Así como foi como primeiro se converteu en monitora miña prima, despois eu e agora miña irmá. É un ciclo, comezas de nena, logo eres monitora auxiliar e por último convérteste en monitora oficial coa finalidade de formar aos vindeiros... un ciclo de vida”.

- Alba Pombo: “Comecei neste campamento con tres anos tendo como monitores e monitoras á maioría dos que agora son os meus compañeiros e compañeiras. Pasaba todo o inverno desexando que chegase o verán e volver para a aldea xa que eu vivo na Coruña. Non había un ano que faltase á escoliña e cando tiña 17 anos permitíronme irme formando como axudante dunha monitora até hoxe. Síntome, sentinme e sentireime parte desta familia toda a vida”.

 
  • QPC: Que supón para vós formar parte desta Escola de Verán?

- Lucía: “Formar parte desta escola é sentirte parte dun fío cada vez máis forte e máis longo: fío de valorar o noso, fío de amar a terra e, sobre todo, fío de confraternidade e apoio”.

- Virginia: “Para min formar parte da escola é sinónimo de felicidade, agarimo, amizade e, sobre todo, aprendizaxe. Aprendemos de cada neno e de cada nena e tamén dos nosos compañeiros e compañeiras. Neste momento, síntoos como unha familia para min”.

 
  • QPC: Cales credes que son as claves para que sexa un campamento tan especial?

- Candela: “A clave do éxito é a unión que hai entre o monitorado e a veciñanza. As gañas e a ilusión que se respiran na aldea para que todo saia ben. Outro punto importante é a nosa boa comunicación, considerámola a base para que as cousas funcionen na maneira na que o fan. O que está claro é que esta aldea é parte da vitoria, non pode ser máis acolledora e incrible para que todos os nosos nenos e nenas corran, xoguen, brinquen e se divirtan”.

- Brais: “A clave do éxito, sen dúbida, é a unión coa aldea e coa súa xente. Os nosos nenos e nenas viven unha realidade illada que non teñen a sorte de desfrutar no seu día a día. Parte de que todo vaia ben é grazas aos veciños e veciñas e á súa axuda incansable”.

 
  • QPC: Como valorades esa implicación de todo o “pueblo”, que colabora en todo, mesmo formando ese tan necesario grupo do “voluntariado sénior” axudando no aparcamento, transmitindo saberes xeracionais…?

- Paula Mato: “Sen a xente da aldea sería imposible facer a metade de actividades que se fan ou dispoñer de espazos para levar a cabo as nosas actividades. Eses veciños e veciñas dos que falas, xa son un elemento máis da nosa escoliña de verán, sen todos eles non tería sentido”.

- Sara Varela: “Dá igual onde mires, sempre dás con alguén disposto ou disposta a botar unha man. O noso voluntariado sénior está para todo o que precisemos e o mellor, sempre cun sorriso na cara”.

- Elena Blanco: “Sen a implicación do voluntariado sénior e as súas gañas de facer felices aos máis cativos, nada sería o mesmo. Cómpre destacar tamén o labor da xente da aldea, sempre tan pacientes e dispostos a amosarnos os seus saberes e abrir as portas dos seus fogares”.

- Nerea Ramos: “É imposible de agradecer esa colaboración e implicación veciñal e do voluntariado sénior. Esa maneira de involucrarse, de axudar día a día no que precisemos e agasallándonos co seu tempo. Amosan unha inmensa bondade e empatía cara os nenos e nenas”.

 
Escola Veran o Couto 22 4
As mestras formaron a Orquestra Quinteiro no festival da Escola
  • QPC: Tan ben o pasastes no festival, eh… Contade contade, que sensacións tivestes sobre o escenario??

- Virginia: Subir ao escenario e ver a praza do Quinteiro chea de xente foi algo moi emocionante. Os nosos pequenos non o puideron pasar mellor e nós, vendo como toda a xente o disfrutaba, tamén. Desde logo que está experiencia deixa unha gran pegada en min e só espero e desexo poder seguir repetíndoo moitos anos máis”.

- Candela: “Foi incriblemente feliz pero tamén triste, triste porque ves o que fuches construíndo cos máis pequenos e pequenas durante todo o mes e levas un choque de realidade ao ver que está chegando o fin e que é o momento de despedirse até o próximo verán. É unha mestura de sentimentos moi bonita, sentirse como te sentes na escola de verán é moi complexo de explicar, isto é sinónimo de pertencer a unha pequena familia”.

- Sara: “O festival superou as nosas expectativas, ver a todos os nenos e nenas desfrutar enriba do escenario foi unha experiencia incrible”.

- Laura: “Para min é o reflexo dun mes cheo de agarimo e de momentos que van perdurar na nosa memoria toda a vida. Se algo enche os ollos de lágrimas é a emoción de ver a nenos e nenas que normalmente non son quen de bailar en público subir ao escenario e dar todo de si para que as súas familias se sintan orgullosas. Esta é a escola da inclusión, se algo aprendín nestes anos é que sempre hai un oco para todo tipo de nenos e de nenas, todo tipo de monitores e monitoras e todo tipo de voluntarios e voluntarias. O Couto é un sitio distinto”.

 
  • QPC: E agora o Festiletras… Menudo nivel que hai armado nesta aldea, non?

- Uxía: “Eu pódese dicir que o mamei desde o berce. Crieime vendo como se mobilizaba a aldea ante semellante acontecemento e como, cada ano, ía quedando máis pequeno o Couto con xente que chegaba de moitos puntos de Galicia para festexar as nosas letras. O galego é o fío condutor deste movemento e iso tamén tratamos de transmitirllo aos nosos cativos e cativas cada día desta escola. O do Festiletras é un caso aparte, temos moita sorte de vivir nunha aldea onde toda a veciñanza se implica para que esta fin de semana sexa todo un éxito. Aproveitamos para convidar a todo o mundo a que veña desfrutar destes días nos que non vai faltar a música, o teatro, as letras, as ciencias e sobre todo, non vai faltar agarimo (que é o punto forte desta aldea pontecesá)”.

- Paula Blanco: “Durante o mes de agosto os nosos cativos e cativas foron os protagonistas e agora tócalle ás familias desfrutar da aldea e que sexan os nosos nenos e nenas quen lles transmitan e expliquen que significa iso de formar parte da aldea do Couto. Explicalo para min é moi difícil, penso que non é sinxelo de entender”.

Equipo de mestras da Escola de Verán do Couto 2022

  • Uxía Varela Bermúdez (O Couto, Ponteceso; 29 anos). Profesora de secundaria e bacharelato.
  • Candela Lema Neira (Corme, Ponteceso; 19 anos). Estudiante de Educación Social.
  • David Pérez Outeiro (Ponteceso; 20 anos). Deseñador de moda.
  • Alba Pombo Fuertes (O Couto, Ponteceso; 22 anos).  Educadora Infantil.
  • Nerea Ramos Martinez (Carballo, 22 anos). Pedagoga.
  • Álex Bellón Beizana (Cabana; 22 anos). Finalizado o Ciclo Superior de Paisaxismo e Medio Rural.
  • Pablo Varela Gestal (Pazos, Ponteceso; 17 anos). Estudante.
  • Virginia Blanco Rojo (Cores, Ponteceso; 20 anos). Educadora Infantil.
  • Laura Lema Bello (Sísamo, Carballo; 26 anos). Educadora Infantil.
  • Yaissa Castro Rojo (Mens, Malpica; 19 anos). Integradora Social.
  • Lucía Rama Garrido (Seaia, Malpica; 22 anos). Profesora Educación Infantil.
  • Carla Varela Pena (Malpica; 18 anos). Estudante de Filoloxía Galego-Portuguesa.
  • Elena Blanco López (Ponteceso; 18 anos). Estudante de Deseño de Moda.
  • Belén Pose Castro (Barizo, Malpica; 26 anos). Educadora Infantil.
  • Sara Varela Facal (Balarés, Ponteceso; 17 anos). Estudante Bacharelato.
  • Antía Souto Martínez (Ponteceso, 17 anos). Estudiante.
  • June Carabel Dávila (Corme, Ponteceso; 24 anos). Estudiante de Terapia Ocupacional.
  • Ana Méndez Mariño (Neaño, Cabana; 23 anos). Educadora infantil.
  • Paula Mato Roberto (O Couto, Ponteceso; 18 anos). Estudante de filoloxía.
  • Brais Rellán Cundíns (Cabana; 17 anos). Estudiante Bacharelato.
  • Nerea Varela Castro (Ponteceso; 21 anos). Estudante de Comunicación Audiovisual.
  • Manuel Nantón Varela (Canduas, Cabana; 18 anos). Estudante LACC.
  • Nerea Amado Baneira (O Couto, Ponteceso; 20 anos). Estudante Integración Social.
  • Omar Rabuñal Varela (Feáns, 43 anos). Realizador audiovisual.
  • Alba Mª Bermúdez Martínez (Ponteceso; 22 anos). Mestra de Educación Primaria ( + PT).
  • Brais Pombo Andrade (O Couto, Ponteceso, 22 anos). Estudante ciencias da actividade fisica e do deporte.
  • Paula Blanco López (Ponteceso; 23 anos). Educadora e mestra de Educación Infantil.
  • Brais Souto Martínez (Ponteceso; 19 anos). Estudante de xestión forestal.
 

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios