A Confraria de Corme fai balance do proxecto de control e vixilancia dos bancos marisqueiros
Fai balance a Confraría de Corme do Proxecto de Xestión Control e Vixilancia dos bancos marisqueiros. Un proxecto, que conta cun orzamento de 52.485,00 euros, que está cofinanciado polo FEMP nun 75% e pola Xunta de Galicia nun 25%. Un proxecto que permite dar “continuidade no tempo das pesquerías e dos recursos específicos que, supoñen o medio de vida e sustento económico dos socios da entidade”, sinalan dende o pósito.
Para desenvolvelo foi necesario contratar 2 gardapescas e 1 persoal de asistencia técnica para facer unha xestión responsable e sostible dos recursos marisqueiros respectando a biodiversidade dos ecosistemas marinos, así como vixiar a zona de hipotéticos furtivos, ou facer sesións de formación dos mariscadores orientada á adquisición de novas competencias para unha mellor xestión e conservación dos recursos mariños vivos e dos ecosistemas nos que viven.
A Confraría enviou todos as análises, os informes de control de cupos, as actas… ás entidades controladoras.
Dende o seo da confraría consideran que “o financiamento público segue sendo necesario para a continuación das actividades postas en marcha así como para o desenvolvemento de novas actividades para a coordinación e apoio ao sector pesqueiro e marisqueiro, contribuíndo dunha forma sostible na mellora de xestión dos recursos marisqueiros e dos seus hábitats”.