Decretada a Situación 2: Desaloxan casas en Corme Aldea por un novo incendio
- [Última hora 21:00h do mércores]: Continúa activo o incendio forestal no concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que xa se desactivou a Situación 2 ás 19.58 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14.12 horas de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.
- [Última hora 9:00h do mércores]: O incendio segue activo, coa Situación 2 activada, pero segundo a Garda Civil sen afectar ás vivendas, e sen corte de estradas. O lume xa supera as 60 hectáreas afectadas.
Cando parecía que os incendios parecían controlados por Ponteceso, a alarma volveu saltar este mediodía. Arredor das 16:00 prendía un novo foco en Guxín (que nada tiña que cos xa estabilizados das parroquias de Cospindo, Brantuas e A Graña (estes dous quedan estabilizados pero non extinguidos)), e o lume estendíase moi preto das casas de Corme Aldea.
Os efectivos antiincendios solicitaban o corte da estrada de entrada en Corme, así como o desaloxo de varias casas de Corme Aldea. Ademais foron mobilizados dúas ambulancias para desaloxar unha persoa maior e unha persoa cun corte nun brazo.
A situación foise agravando ao longo da xornada, e co paso das horas o lume foi baixando azuzado polo vento, cara o Osmo e a Ermida, onde tamén foron evacuadas varias vivendas provocando que a Xunta activase a Situación 2 (ás 17:30h). Varias persoas foron evacuadas en barco ata Balarés, e dende Laxe a confraría mandou un aviso para que as embarcacións estivesen atentos en caso de aviso dunha Xunta que ás 21:00h solicitaban a presenza da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A veciñanza de Corme, ata pasadas ás 21:00h, estiveron varias horas sen poder saír nin entrar da vila, e mesmo chegou a marchar a luz por momentos. Polo menos, o fume foi esquivando a vila tirando cara a zona da Ermida.
Ata o momento, ademais dos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) chegados dende León, para a súa extinción mobilizáronse 3 técnicos, 10 axentes, 12 brigadas, 11 motobombas, 4 pas e 3 unidades técnicas de apoio. A última hora da tarde de onte puideron incorporarse aos labores de extinción 2 avións, que operaron na zona malia que as condicións climatolóxicas non eran favorables para os medios aéreos.
A información ás 9:00h do mércores é que o lume xa non fai perigrar as casas, que non hai estradas cortadas, e que xa se superan as 60 hectáreas afectadas.