Fátima Rodríguez Gonzálvez lidera o novo proxecto do BNG para reverter o desesperanzador panorama político en Ponteceso
A terreible vida política municipal de Ponteceso, mira con esperanz a chegada de novas caras. Mentres se perfila unha nova alternativa veciñal, o BNG é o primeiro en mover ficha e amosar as súas cartas de cara ás eleccións municipais do vindeiro ano.
Será Fátima Rodríguez a nova voceira e candidata á alcaldía de Ponteceso. Natural de Murcia, leva moitos anos na comarca e xa é unha forza viva das entidades sociais máis comprometidas na vila. Aos seus 41 anos, esta veciña de A Garga (Anllóns) que seguiu estudos de Enxeñería Técnica de Obras Públicas, na actualidade xestiona a súa propia empresa no ámbito da tecnoloxía con sede en Ponteceso. Forma parte activa do movemento feminista galego, e como tal, toma o reto de liderar este proxecto como unha forma de participar na ruptura do teito de cristal no ámbito da política local.
"No BNG de Ponteceso, como moitos veciños e veciñas do noso concello, estamos cansas do vergoñento espectáculo político ao que levamos asistindo, moi ao noso pesar, dende hai xa demasiados anos. Fronte á actual situación de desesperanza, polarización, inestabilidade e incerteza, no Bloque Nacionalista Galego estamos traballando para volver a ilusionar á cidadanía cun proxecto político que permita sacar ao noso pobo do burato negro no que se atopa e recuperar os anos perdidos", explican.
"O BNG concorrerá ás próximas eleccións municipais co compromiso dun traballo continuado dende o primeiro ata o último día do mandato, seguindo as bases e liñas de transformación municipal que xa amosan resultados noutros concellos gobernados pola formación nacionalista", poñendo os exemplos de Carballo, Allariz ou Pontevedra.
"Outra forma de facer política tamén é posíbel", confía, pensando en impulsar a economía local poñendo no centro ás persoas e o coidado do territorio.