Feminismo en Pé reivindica os Coidados polo 8M: "O traballo que sostén o mundo. É hora de que o mundo o recoñeza."
Interesantísimos os datos do Colectivo Feminismo en Pé colleitados ao longo destas semanas arredor do mercado laboral feminino. Uns datos que reflicten como afectan os Coidados (con maiúscula) ás carreiras profesionais das mulleres, como fixo descatar o colectivo bergantiñán co gallo deste 8M.
Así, as mulleres do colectivo aproveitaron a data para facer un acto tremendamente simbólico, onde colocaron unha serie de enseres vinculados aos Coidados (tanto de limpeza como de atención a persoas maiores e a nenos), e leron un crú relato que define a realidade vital na que está situada a nosa sociedade, e que transcribimos sen mover unha soa coma:
A Historia de María
Un relato sobre coidados, traballo invisible e desigualdade entre xeracións
I. Aprender a coidar desde pequena
O día en que María cumpriu tres anos, a súa avoa chegou cun paquete envolto en papel de flores rosas. Dentro había un Nenuco de ollos azuis cunha biberón de plástico e un cueiro de recambio. Uns meses despois chegou o maletín de médica: estetoscopio de xoguete, pastillas de azucre e vendas brancas. Con eles, María pasaba horas coidando dos seus peluches, poñéndolles termómetros inventados e receitando remedios imaxinarios.
Ninguén lle dixo a María que aqueles xoguetes tiñan unha mensaxe. Simplemente así eran as cousas: as nenas coidaban, curaban, alimentaban. Cando María tiña seis anos naceu o seu irmán Tomás e a nai díxolle cunha voz cariñosa pero firme: "Ti xa es maior, tes que axudar a coidar del." María tomou aquelas palabras moi en serio. Ninguén se preguntou se lle gustaba porque o sentía de verdade ou porque era o que lle ofreceron.
II. Rosalía: a muller que esperou soa
Na familia de María había unha figura que aparecía nas fotos vellas con mandil e sorriso cansado: a tía avoa Rosalía. Cando o seu marido emigrou a Suíza nos anos sesenta, Rosalía quedou na aldea. Non había outra opción, ou polo menos así o entenderon todos. El ía gañar o diñeiro. Ela quedaría a cargo de todo o demais.
Todo o demais era moito. Os fillos pequenos, os sogros que envellecían e enfermaban, a horta, os animais, a casa. Escribíanse cartas. El mandaba cartos. Ela facía o resto, que era case todo, sen axuda, sen recoñecemento, sen cotizar un só mes á Seguridade Social, porque o seu traballo non se consideraba traballo.
Cando o marido morreu en Suíza anos despois, Rosalía quedou coa pensión de viuvidade: a pensión dun home polo traballo dun home. As décadas que ela pasara sostendo a familia e permitindo todo o seu desenrolo desde a aldea non valían nada aos ollos do Estado. Viviu os seus últimos anos co xusto e o suficiente para non depender da caridade, pero nunca o suficiente para vivir con folgura. O seu esforzo non aparecía en ningún papel.
III. Carmen: o traballo que non se conta
A nai de María, Carmen, coñecera a historia de Rosalía desde pequena, pero nunca a relacionou coa súa propia vida. Ela traballaba na explotación gandeira familiar: muxía as vacas pola mañá cedo, limpaba a corte, preparaba o almorzo, levaba os nenos ao colexio, volvía ao campo, facía a comida, recollía a roupa, preparaba a cea e deitaba os fillos. Ao día seguinte, todo volvía a comezar.
Pero o titular da empresa era o seu marido Manuel. Carmen nunca cotizou á Seguridade Social. Non porque non traballase; traballaba tanto como el ou máis. Senón porque durante décadas as mulleres que traballaban en empresas familiares non se daban de alta. O seu traballo era invisible para o Estado, aínda que sen el a explotación non tería sobrevivido nin un mes.
Cando Manuel morreu, Carmen quedou soa con aquela casa, aquelas vacas e a pensión de viuvidade. Suficiente para non pasar fame, insuficiente para non depender dos fillos. O sistema recoñeceulle a vida de Manuel. A súa propia, non. Igual que a Rosalía. O patrón repetíase cunha precisión que ninguén parecía ver.
IV. A médica e o tecto de cristal
María foi boa estudante. As notas leváronaa a Medicina, a carreira que sempre quixera desde que xogaba con aquel maletín de xoguete. Na facultade descubriu algo que a sorprendeu: eran máis mulleres que homes entre o alumnado. Pero cando rematou a residencia e entrou a traballar no hospital, o panorama cambiou. O hospital estaba cheo de médicas. As xefaturas, as direccións de servizo e os postos de responsabilidade estaban ocupados, na súa maioría, por homes.
María observaba aquilo sen entendelo do todo. Traballaran igual. Estudaran igual. Pero algo, en algún punto do camiño, separaba as traxectorias. Tardou anos en poñerlle nome a ese algo.
Coñeceu a Carlos no hospital. Él era médico tamén, 6 anos maior, xa con 5 de experiencia. Casaron e decidiron ter familia. Ao cabo dun tempo chegou a primeira filla, Lucía. A baixa por maternidade durou catro meses, 16 semanas, o tempo que o sistema permitía. Durante ese tempo María deulle o peito en exclusiva. Cando a baixa rematou, volveu ao hospital cunha mochila chea de culpa, leite extraído e listas de tarefas. Carlos incorporárase case de inmediato e a súa carreira só se detivera o tempo obrigatorio.
V. A excedencia e a lóxica que sempre a escollía a ela
Ao chegar a segunda filla, Clara, sentáronse a falar. Alguén tiña que coller a excedencia por coidados. Fixeron as contas: o salario de María era máis baixo que o de Carlos porque el tiña máis antigüidade e acababa de acceder a un cargo de responsabilidade no seu servizo. A diferenza salarial era significativa. A conta económica era fría e clara: se alguén tiña que deixar de traballar, era máis racional que o fixese quen menos gañaba. E quen menos gañaba era María. Non porque fose menos capaz, senón porque o sistema, pouco a pouco, xa a fora deixando atrás.
María colleu a excedencia. Carlos seguiu traballando, medrando, acumulando experiencia, antigüidade, contactos e recoñecemento profesional. Mentres tanto, María cambiaba cueiros, levaba nenas ao médico, cociñaba, limpaba e coidaba. Todo o que facía era esencial. Nada do que facía aparecía en ningún currículo nin cotizaba un só euro.
Cando as nenas xa eran maiores e María decidiu volver ao traballo, o posto que tiña antes, responsable dun grupo médico, xa non existía para ela. Os anos de excedencia borraran parte do que construíra. Reincorporouse desde un chanzo máis baixo, tivo que demostrar de novo cousas que xa demostrara, e nunca chegou a recuperar todo o terreo perdido. Carlos, mentres tanto, consolidara a súa posición como xefe de servizo. Ninguén lle preguntara nunca quen cambiaba os cueiros ou quen levaba as nenas ao colexio. Simplemente se asumía que non era el, e ninguén o cuestionaba.
VI. A dependencia que non se ve
Os anos pasaron. As nenas medraron e marcharon a estudar. María e Carlos quedaron coa rutina de sempre: ela chegaba do hospital e había cea que preparar, roupa que tender, compra que organizar. El chegaba e descansaba. Non era malicia. Era costume. Era o que sempre fora así, e o que sempre fora así é moi difícil de cambiar sen que alguén decida nomealo.
María empezou a nomealo. Primeiro con sutileza, logo con claridade. A inxustiza acumulábase coma po nun cuarto sen ventilar. Non había gritos, non había drama. Había algo máis triste: o cansazo de cargalo todo sen que ninguén o vise. Cando María pensou en separarse, atopouse cun muro que non esperaba: anos de excedencia, de salario máis baixo, de cotizacións perdidas. A súa posición económica era moito máis feble que a de Carlos. A dependencia económica non é unha cadea visible, pero é suficiente para que moitas mulleres queden onde non queren estar, atrapadas polas consecuencias de decisións que en teoría tomaron xuntos.
VII. A pensión ao final do camiño
María xubilouse. Traballara moitos anos, fora boa médica, coidara das súas fillas, da súa casa e dos seus pacientes. Pero a pensión que lle correspondía era 500 euros ao mes menos que a de Carlos: o resultado acumulado dos anos sen cotizar durante a excedencia, do salario máis baixo e da carreira interrompida. O sistema ofrecíalle un complemento por ter tido dúas fillas: 36 euros por filla ao mes. Setenta e dous euros en total, fronte aos cincocentos euros de brecha. A matemática era devastadora.
María pensou en Rosalía, que non tiña nin iso, que pasara a vida sostendo a familia desde a aldea mentres o marido estaba en Suíza e que ao final só recibira a pensión del. Pensou en Carmen, que traballara cada día sen que ningún papel o recoñecese e que vivira do que deixara Manuel. Tres mulleres, tres xeracións, o mesmo patrón: traballar moito, aparecer pouco, chegar ao final con menos do que merecían.
Desde o Nenuco que lle regalaron con tres anos ata os setenta e dous euros do complemento de pensión, o camiño de María está trazado por estruturas que ningún individuo creou só e que ningún individuo pode cambiar só. A brecha salarial, a brecha de pensión, o traballo doméstico non recoñecido, a excedencia que sempre colle ela: non son accidentes. Son o resultado de roles asignados, de leis que chegaron tarde e de costumes que se resisten a mudar.
"O traballo de coidados sostén o mundo. É hora de que o mundo o recoñeza."
Por todo isto e para rematar coas violencia estructural que orixina todo esta desigualdade, reivindicamos ás administracións:
• Aumento do investimento en coeducación nos centros educativos, para traballar pola abolición dos estereotipos de xénero.
• Medidas de conciliación e de apoio ás familias, que favorezan que a crianza sexa acompañada e corresponsable.
• Unha lei que dea reposta a todas as necesidades das familias monomarentais (o 80% das familias nas que so hai unha proxenitora, esta é muller) , que experimentan a crudeza da crianza en solitario. E das lesbomarentais no recoñecemento de ambas nais.
• Medidas urxentes para a erradicación da pobreza e precariedade laboral das mulleres, ocasionada por unha falta absoluta de políticas de emprego digno basadas na igualdade efectiva.
• Reivindicamos tamén: unha atención temperá e desde a atención primaria da saúde mental para as mulleres, especialmente para as mulleres do rural, que teñen un maior risco de sufrir estas doenzas polo illamento xeográfico que dificulta o acceso aos servizos sanitarios e de acompañamento e axuda coas persoas dependentes a cargo, para que poidan estar amparadas de xeito proactivo por protocolos de detección de procesos depresivos que axuden a evitar a necesidade de tratamentos farmacolóxicos crónicos.
• Esiximos a posta en marcha de medidas obxectivas de acceso ao emprego e á promoción profesional. Esiximos a prohibición de dispoñibilidade e de formación a cargo da empresa fóra da xornada laboral. Esiximos o establecemento de límites legais á liberdade de contratación por supoñer discriminación indirecta.
• Esiximos que o Goberno e sindicatos garantan o cumprimento da obxectividade no acceso ao emprego e a promoción profesional: as mulleres estamos empregadas menos horas e anos ao longo da nosa vida, isto reflíctese na fenda por razón de sexo nas pensións.
• Esiximos medidas reais de fomento da corresponsabilidade por parte dos nosos compañeiros. Esiximos medidas reais de conciliación, permisos específicos para atender ás emerxencias familiares, recursos públicos para contar con escolas infantís e centros de día para persoas maiores a cargo das traballadoras e traballadores.
• Esiximos, en definitiva, medidas reais para rematar coa discriminación estructural do sistema que se agocha no argumento falaz da libre elección.
• Estamos fartas de leis baleiras e ficticias, afastadas da realidade ou deseñadas como parches aos problemas sistémicos que padecemos. Esiximos que as políticas públicas se tomen en serio, financiadas e veladas na súa eficacia e cumprimento.