Vimianzo mergúllase na arte de Viki Rivadulla polo 8M
Numerosas actividades na completa Axenda polo 8M na comarca. Vimianzo foi un acto activo, con varias accións. Estre elas, a tarde inesquecible que se viviu este pasado venres na Sala de Exposicións Antón Mouzo coa inauguración de “Onde habitan as mouras. Cartografías de nós”, da artista muxiá Viki Rivadulla.
Unha exposición que dá continuidade a esas Atlánticas que xa percorreron o país, que convidan a conectar coa memoria, coa terra e co legado das mulleres, e a reflexionar sobre como coidar o noso territorio desde unha mirada ecofeminista.
As voces das poetas Marta Dacosta, Laura Rey Pasandín e Inma Doval acompañadas de lecturas doutras poetas por Natalia Navaza, Carmen de Miguel e Nieves Lema, lembraron que a poesía tamén é territorio, memoria e coidado.
Viki foi debullando as razóns deste proxecto que afonda sobre a natureza e a relación do ser humano coa mesma. "Un ser humano que é un elemento máis desa natureza. Por tanto tamén é un proxecto sobre como estamos no mundo os seres humanos. E o que facemos co medio no que habitamos".
Esta exposición fala da "necesidade de procurar un mundo máis solidario e sostible, no que os coidados da natureza sexan prioritarios e camiñemos cara unha comunidade ecoloxicamente responsable. É imprescindible buscar alternativas que enfronten o cambio climático e o ecocidio. As consecuencias de non facelo estámolas vendo", relata a artista muxiá.
E neste sentido teñen moito que dicir "as comunidades indíxenas e rurais que deixan un legado de coñecementos e coidados, mais tamén de loita na defensa dos territorios e a natureza, ameazados por un xeito de xestionar o mundo que produce guerras, catástrofes, desigualdade e destrución".
A mostra alerta de que "o mesmo perigo sofren as linguas dos pobos, que tamén son ameazadas coa súa desaparición. Mais unha lingua non é solo un vehículo de expresión, é o sostén dunha concepción do mundo, dunha literatura, dunha identidade. Cando unha lingua é ameazada é ameazada a identidade do pobo que se expresa e coñece o mundo a través dela".
E aquí o papel das mulleres é fundamental. "Por una banda, as mulleres son vítimas dese espolio que o capitalismo salvaxe exerce sobre corpos e territorios. Mais tamén son as mulleres as que lideran o desenvolvemento de concepcións alternativas sobre a sociedade e que reduzan a destrución da natureza e o hábitat de animais e seres humanos. Esas mesmas mulleres lideran os movementos de loita en defensa dos territorios e tamén son produtoras de saberes valiosos para as comunidades".
"As mulleres que traballan a terra coñecen a conexión coa terra e os seres vivos e son tecedoras de redes de coidados para a natureza, animais e o ser humano, que é un elemento máis deste sistema. Mais un ser que acadou un poder sobre o mesmo, e que está empregándoo mal, dun xeito altamente destrutivo. E aquí chega o problema, a encrucillada na que estamos:
É evidente que vivimos una crise global. O sistema colapsa. A terra xeme. Non imos facer nada? Escoitemos a voz das sabias se aínda queremos gardar algo do que nos foi legado, se queremos conservar a vida sobre a terra".
Este proxecto recorre á figura da moura para falar deste grave problema. "As mouras poden ser metaforicamente estas sabias coidadoras da terra e do legado tanto do patrimonio natural, como do patrimonio inmaterial que asenta sobre este territorio, xa que as mouras habitan na natureza salvaxe do noso territorio e tamén no patrimonio inmaterial -as lendas-. Ambos: o territorio e o patrimonio inmaterial configuran a nosa identidade. Porque realmente a exposición non vai de mouras. Vai do lugar onde habitan as mouras."
A exposición continúa aberta ata o 19 de abril, con horario de luns a venres: 9:00-14:00 / 16:00-20:00 e os sábados: 9:00-13:00 / 20:00-22:00
Acto e lectura do manifesto
Xa na mañá sabatina, tivo lugar un acto na Praza do Concello, no que se deu lectura ao Manifesto 8M.A encargada de poñer voz ao manifesto foi Carmen Vázquez Canosa, Carmiña, mestra de moitas xeracións de vimianceses e vimiancesas durante 43 anos, autora de “As Vellas Escolas de Vimianzo” e “La Mujer desde el s. XIX hasta hoy”, e dinamizadora social comprometida coa igualdade .

Máis novas



