As Xaviñanas xa teñen a súa rúa en Corcubión
Día emotivo en Corcubión este 8 de marzo de 2026. A vila inaugurou a rúa “As Xaviñanas”, chamada ata onte rúa Serrano. A familia da Asoc. Universidade Popular, as protagonistas dos grupos As Rinchonas e As Xaviñanas, acompañaron á comitiva municipal na emocionante inauguración oficial. O día de reivindicación converteuse tamén de homenaxe e recoñecemento ás Manuela, Juana e Maruxa, que levan o nome de Corcubión por todo o estado a pesar da súa mocidade.
"Tres mulleres da nosa vila que representan a tantas outras mulleres que, durante xeracións, sostiveron a vida diaria das nosas casas, das nosas familias e tamén da nosa cultura. Mulleres de mans curtidas polo traballo, pola vida dura doutros tempos, pero tamén cheas de alegría, de dignidade e de talento. Porque, ademais de traballar e sacar adiante ás súas familias, souberon manter viva unha parte esencial da nosa identidade: a música e a tradición da pandeireta", destacou o rexedor Javier Domínguez "Dro".
Durante a velada, recoñeceuse o seu labor para "facer comunidade, memoria e cultura", ademais de rescatar o valor que xa pescara Alan Lomax nos anos 50 do século pasado, que xa demostrou que Corcubión é epicentro en materia de tradición oral e musical.
As Xaviñanas recolleron ese legado, e o que lles outorgaron outras nais, veciñas, avoas... da vila que manteñen viva a chama da nosa cultura a través da Universidade Popular de Corcubión e da propia vida na vila.



