Festiletras: Cultura e Letras Galegas contra o despoboamento do rural

A carpa do Festiletras estivo chea toda a semana, como na ssión vermú riseira da man de Oswaldo Digón, Fede Pérez Rey, Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán

O que consegue a aldea do Couto non o consegue ninguén en toda Galicia. Xuntar nunha semana tan grandes como Xabier Díaz, Celso Sanmartín, Carlos Blanco, Miguel de Lira, Paco Nogueiras, Marisa Valle, Mariñar Alexandre, Fina Casalderrey, Mercedes Peón, Ángel Carracedo, Anxo Mouro, Rosa Cedrón, Manuel Lourenzo, Xavi Lozano… é algo que só é posible despois de case 40 anos de repercusión.

Por iso é estraño non ver o Festiletras abrindo portadas a nivel estatal nesta Semana das Letras Galegas, ou ver a Televisión de Galicia facer calquera dos seus programas de variedades na aldea pontecesá. Pero a realidade é que o berce europeo das Letras Galegas está nesta pequena aldea brava, onde o asociacionismo, lonxe dos políticos, é quen de fixar poboación grazas á cultura.

Faino ao longo do ano, con ducias de actividades, pero este Festiletras é a semana máis especial. Cun 80% cultura e un 20% festa, máis ou menos, conseguen encher a aldea de xente. E de que xente, porque o do Couto é un público especial, escollido, que sabe gozar das mellores esencias do noso país.

Cé Orquesta Pantasma no Festiletras 2019

Falaremos da feira de artesanía que encheu de tesouros esa carpa contigua á central (ademais dos triunfantes #BicodeXeado), pero cómpre ir repasando parte da semana. Despois da estrea cos #BoseXenerosos, chegou o Festiciencia, na que centos de rapaces puideron disfrutar aprendendo.

Outra das citas especiais foi a xornada de Mulleres Literatas. Este ano a Fundación Eduardo Pondal quixo recoñecer o labor da regueifeira Lupe Blanco e da nova escritora Natalia Lema. Pero a sesión deu moito máis de si, escoitando auténticas historias de afouteza e compromiso coa terra.

Os máis novos lembrarán a festa da noite sabatina, cun cheo absoluto da man de Terbutalina, Ezetaerre e Che Sudaka. Tremía esa carpa, pero ao remate, nunha demostración de civismo, nin un só mal xesto na aldea.

O último domingo foi cousa especial. As 12:00h da mañá o espazo da Fundación xa estaba cheo. Cé Orquesta Pantasma puña a bailar a familias enteiras entre as pallas. Sen descanso, tocaba ir dentro da carpa, onde Pablo Díaz e a Banda de Música de Visantoña repasaban os seus grandes éxitos: o Tic-Tac, Os Piratas… que tantos nenos teñen tatareado.


Pablo Díaz

Pasaban das dúas da tarde cando apareceron en escena 4 dos grandes cómicos do país. Oswaldo Digón, Fede Pérez Rey, Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán protagonizaron unha tardía sesión vermú absolutamente suarrealista. Metéronse nunha especie de rodaxe de telenovela galaico-suramericana a base de improvisación, que encheu de gargalladas a festa.

Despois dun pequeno parón para xantar, Magín Blanco, outro dos grandes creadores de música infantil do país, abría a tarde. Un pequeno problema de son provocou un pequeno retraso na actuación do grupo tradicional Inllar, e impediu abrir pronto unha carpa onde xa se agolpaban centos de persoas, que pouco despois a ateigaban para disfrutar cun dos peches máis esperados, Xabier Díaz e a Adufeiras de Salitre, que ademais fixeron que a nova rapaza de Cerqueda Icía Varela cumplira un dos seus soños. As letras foron botadas.

Quedará algo por sempre no lugar desta edición. Esa pegada de Lidia Cao en forma de graffiti, que demostra que o Couto é moito máis que Letras.

Máis novas das Letras Galegas

Máis novas do Festiletras