Luns. 14.10.2019
El tiempo

Natalia Lema: "A literatura salvoume en momentos de soidade"

Natalia Lema Otero. | Foto: Concello de Mazaricos.
Natalia Lema Otero. | Foto: Concello de Mazaricos.
Natalia Lema: "A literatura salvoume en momentos de soidade"

A vimiancesa Natalia Lema Otero (Baíñas, 1999) irrompeu con forza no panorama literario da Costa da Morte no ano 2016 grazas á publicación do seu primeiro libro 'Baos', un pequeno conxunto de poemas e textos que misturan ficción e realidade e que recondan á aldea de Os Baos, en Mazaricos, soterrada baixo o embalse da Fervenza desde hai medio século. Un ano despois, a finais do 2017, publicou a súa segunda obra, non comercial, sobre riscos laborais do sector primario. Dúas publicacións que nun principio poden resultar dispares, pero que para estar escritora novel teñen un vínvculo, xa que "os dous versan sobre o rural, sobre as cousas que se poden mellorar nel". Falamos con ela.

  • Todo escritor ten unha data de comezo. Cando empezaches a escribir e porque ou por parte de quen che veu motivada esta afección?

Sempre fun unha nena moi introspectiva. A literatura salvoume en momentos de soidade, fixo que tivese unha áncora á que suxeitarme en momentos difíciles. Quixen escribir porque tamén quería crear os meus propios mundos aos que evadirme. A imaxinación move mundos, iso é un feito. Non houbo un momento decisivo nin unha vocación emerxente, pasou. Pasou, como diría José Emilio Pacheco, coma os discos na sinfonola.

  • Xa tes dous libros publicados. O primeiro, ‘Baos’, é unha recompilación de relatos dunha aldea anegada para a construción do encoro da Fervenza, en Mazaricos; o segundo, ‘Prevención de riscos agrarios na Costa da Morte’, sobre os riscos laborais do sector primario. Porque este cambio de temática?

En realidade coido que non son libros tan afastados como adoita pensar a xente. Os dous versan sobre o rural, sobre as cousas que se poden mellorar nel. En Baos, as persoas poden facer unha reflexión sobre os erros que nunca se deberían volver a cometer, sobre a dignidade das persoas. O meu libro non é unha xoia literaria, creo, máis ben, que resulta pobre en rigor histórico. O que ten Baos en realidade é que suscita curiosidade sobre a historia real. Fai que a xente se pregunte certos camiños da Historia. Descubríronse moitas historias a raíz do libro. Historias sobre as familias, as minas, os traballos de construción do encoro, etc. Houbo xornalistas como Xosé Ameixeiras que sacaron esta historia á luz moito tempo antes.

O manual de tractores versa, en cambio, do rural do S.XXI,un rural con traballadores agrarios empoderados, formados, valentes e autosuficientes. Non hai só recomendacións a prol dos envorcos de tractor ou atrapamentos coa toma  de forza. Hai reflexións tanto miñas como de Marcos Vázquez (prologuista do libro) sobre a importancia da maquinaria agrícola. Os tractores mudaron tempos de fame como a Segunda Guerra Mundial en tempos prósperos. Ninguén pode pensar que un traballador agrario é alguén sen coñecementos ou sabedoría, estaría moi equivocado. Cando se fala da fame do mundo faise referencia ao sector primario, non ao terciario.

Quen lea Baos lerá un libro que naceu sen expectativas e que me deu moito máis do que eu nunca puiden imaxinar.

  • Con que historia se atopará a persoa que lea ‘Baos’?

A persoa que lea Baos encontrarase cun poemario mesturado con pequenos relatos escritos por unha nena de dezaseis anos. A persoa que lea Baos ten que ter en conta isto.  Evidentemente, non é un libro maduro e orquestrado como o segundo. Sería unha falta de coherencia enorme afirmalo. Tampouco é un libro que se atinxa fielmente a datas e días. O real do libro son as historias, maquilladas pero reais. Cada unha delas.  Quen lea Baos non lerá unha hecatombe literaria, lerá un libro curto, sinxelo, que naceu sen expectativas e que me deu moito máis do que eu nunca puiden imaxinar.

  • Trátase dunha obracun simbolismo persoal moi importante. Que te levou a indagar na historia da aldea de teus avós?

Era a historia de meus avós. Cumpríanse 50 anos da construción do Encoro da Fervenza, da desaparición de pobos como Castrerón, Baos ou Ribeiro. A data ía pasar en silencio e  o libro suscitou curiosidade, ansia, preguntas. Polo menos, non foi en balde.  Eu quería darlle voz, contar que meus avós foron uns valentes, que para min son heroes. Quería devolverlle a toda esa xente a dignidade, pois foi en todo caso un acto unilateral.

Meus avós crearon de novo a súa casa, buscaron o seu propio Macondo. Máis de 20 anos despois continuaban sen luz eléctrica. A onde foi esa suposta riqueza distribuída e beneficio para a comarca? Aquilo era progreso?

  • Acadaches xa a terceira edición do libro. Agardábalo?

Nunca. Publiquei as dúas primeiras edicións cunha editora valenciana moi pequena. Aquel día imprimíronse oito exemplares porque ninguén na editora, nin eu, cría no libro. Esa mesma semana o libro acadou os primeiros postos de venta, con máis de cen pedidos esa semana. Estaban desbordados pola acollida. O libro situouse á altura de títulos como ‘Hacienda nos roba’. Algo impensable. Nunca poderei devolver toda a felicidade que me dou Baos.

As campañas da DXT son case nulas e cada ano aumentan expoñencialmente os accidentes de tractor en Galicia,

  • E falando xa da túa segunda publicación. Que te levou a escoller un tema tan específico?

Non hai libros deste xénero en Galicia. As campañas da DXT son case nulas e cada ano aumentan expoñencialmente os accidentes de tractor en Galicia, cunha poboación envellecida e un parque de maquinaria antigo e sen actualizar.

Marcos Vázquez, Presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, foi un gran aliciente neste proceso. Unha axuda inestimable. A min, persoalmente, doume unha grande lección de vida coa súa perspectiva sobre o rural.

  • Con el pretendes mellorar conductas e divulgar manobras que poidan resultar perigosas, como pode ser o manexo dun tractor. Que tal está sendo a acollida?

Non é un libro comercial, está claro. Non obstante, a acollida é boa. Ninguén pensaba que puidese falar con propiedade dun tema así. Parece que unha moza baixiña, que estuda números non ten pinta de saber de tractores. Creo que rompín estereotipos que moitos tiñan comigo. Creo que todos pensaban que quedaría ancorada nunha historia como Baos, tirando do fío e continuando especulando coa historia, e non foi así.

Os mellores momentos da miña vida paseinos lendo.

  • Que escritor ou escritora influíu na túa maneira de escribir?

Moitos, son mellor lectora que escritora, dende logo. Os mellores momentos da miña vida paseinos lendo. Amo a Luís Sepúlveda, lin feixes de García Márquez e adoro a literatura erótica de Yasunari Kawabata. De ensaios aposto por Nieztche ou incluso algo de Fernando Sabater. De novela histórica, quédome con Zoe Oldenbourg e as súas historias sobre cátaros. De poesía, levaría un poemario de Carlos Negro á unha illa deserta. Marcáronme como escritores,  Alcalá ou Jaureguizar, a partes iguais.

Non teño prexuízos na literatura, aínda que algún profesor me diga que non teño idade para ler a Nabokov. Como me atrevo a lelo cando tivo dous rombos na ditadura!, di. Fóra bromas, a literatura non ten cancelas.

  • Que lecturas tes agora mesmo entre mans?

Teño a novela de Winston Groom que deu lugar á película de Forrest Gump. Tamén estou relendo Flores en el Ático, dunha das miñas autoras favoritas, Virginia C. Andrews.

  • Traballas xa nalgún outro proxecto?

Moitas ideas, gústanme os rumbos novos. Prefiro non falar porque seguramente non chegarán a termo, son excesivamente volátil, quizais nin volva publicar se non me sinto con forzas. Tamén son supersticiosa.

  • Como ves o teu futuro no mundo da escritura?

Indefinido. Da cor das nubes de evolución, como diría Andrea Maceiras.

Comentarios