Luns. 20.05.2019
El tiempo

LETRAS GALEGAS

A Festa da Resistencia, a Revoltas das Letras

A Festa da Resistencia, a Revoltas das Letras

Pódese dar por consolidada, como cita de arranque das Letras Galegas na Costa da Morte. A segunda edición do Festival Neghra Sombra encheu Vimianzo de arte e cultura do noso país, nunha espléndida tarde e cun magnífico ambiente. Unha festa que nacía o ano pasado no Castelo e que se trasladou ampliando notablemente o seu espazo e actividade ao Agro de Trasariz, en torno á Casa da Cultura.

Desde primeira hora coa música dos locais Trampulleiros xa había moita ambientación nos tres espazos diferenciados, o Rosalía para os concertos, o Antón Fraguas (homenaxeado neste 2019) para espectáctulos de menor formato e o Carvalho Calero para as crianzas, estas moi numerosas na primeira hora da tarde.

Foi Viki Rivadulla a pregoeira de excepción. Unha artista e artesá que xa coñecía a festa de primeira man, dende abaixo, e que este sábado compartiu dende arriba. Viki falou en clave de “resistencia”, sendo este un dos sentimentos que lle veñen á cabeza ao pensar en Rosalía: “a resistencia das mulleres e a resistencia da nosa lingua”.
“Son dúas resistencias e dúas loitas que son fundamentais na miña vida e tamén no noso país.
Mulleres e lingua. Nos dous ámbitos hai asoballamento e aldraxe. Mulleres e lingua : excluídas, agredidas, silenciadas, aldraxadas, ninguneadas, mutiladas, amputadas...reducidas ao ámbito doméstico. Agachadas e cubertas co manto da neghra sombra.
Mulleres e lingua galega que teñen que loitar para gañar para si o lugar que lles corresponde, gañar para nós mulleres e galegofalantes o espazo público. Territorio a conquistar: A vida da polis feita en galego e con palabras de muller.”

Viki non quixo desaproveitar a ocasión para lembran que a Costa da Morte é un lugar vizoso en literatura, en poetas e escritores e escritoras que coidan da nosa lingua. “A Costa da Morte é terra de poetas”, dando paso a ese completo elenco de personalidades que subiron ao longo da tarde e noite a lanzar os seus versos ao público.

Aí estiveron os Suso Lista, Lola Canosa, Adhara Caamaño, Davide Creus, Estevo Creus, Suso Bahamonde, Vicente de Souza, Alberto Lema, Elena Busto, María Lado, Lucía Aldao, Lola Schutz, Rocío Leira, Daniel Salgado e Lëo Kch. Todos deixaron as súas píldoras de arte vogal.

erformance da Teogonía dos plásticos de Lola Schutz no Festival Neghra Sombra de Vimianzo

A lírica combinábase coa música en diferentes espectáculos dunha chea de creadores da comarca, algún deles tan singulares como a performance da Teogonía dos plásticos de Lola Schutz (na foto). Sole Mononoke, Daniel Quintáns, a sintética Katrine (unha fermosa maniquí) e a propia mestra de francés, [email protected] de cyborgs (cíboras), chegaron do futuro para relatar o final do “Antropoceno coa Teogonía dos plásticos, unha epopeia polimérica”. Coa axuda audiovisual de Suso Bahamonde e a voz de Juanma Buiturón, embarcaron ao humanos vimiancenses que pululaban pola zona nun interrail a ritmo de Kraftwerk, Franco Battiato e Sigur Rós. Unha acción transgresaora e crítica coa lamentable situación medioambiental que vivimos civilización.

Os Pelepau eran o máis esperado da noite, e o seu ritmo frenético non defraudou ao público asistente que logo continuou con Monoulious Dop, Almánimal ou Feral Booty.

A organización fica cun moi bo sabor de boca deste singular festival que homenaxea o galego e a produción cultural na nosa lingua dun xeito diferente. A asociación Cherinkas contou coa inestimable axuda da asociación feminista local das Curandeiras, creadoras dunha fermosa decoración e ambientación, e a colaboración do Concello de Vimianzo e Deputación da Coruña.

Novas das Letras Galegas

Comentarios