Para que Pondal recupere a xuventude


Segue a Asociación Eventos de Ponteceso intentando armar actividades que devolvan á vida xuvenil á vila de Pondal. Xa teñen en mente o seu vindeiro gran obxectivo, que coñeceremos nun futuro, pero que está confirmado para o vindeiro 9 de setembro, coincidindo coas Festas patronais da Barquiña, as máis importantes do concello pontecesán. Un evento “moi bo para a zona” que fará que a mocidade volva a xuntarse arredor de Ponteceso, como sucedía non hai moitos anos.
Pero antes, e co fin de promocionar ese futuro evento, están poñendo en marcha un vídeo promocional. Un video para o que queren involucrar a todo o mundo, como nos conta un dos seus voceiros, Álvaro Domínguez Loureiro. “Eu cando vexo un vídeo da nosa bisbarra póñenseme os pelos de punta e queremos conseguir o mesmo en toda a mocidade da zona. Gústanos vivir aquí e como nos importa o futuro, e lamentablemente a xuventude está bastante apartada da loita polo seu propio futuro, e ao non querermos entrar en política, temos o que merecemos. Por iso queremos promocionar a colaboración e que toda a rapazada da comarca se una”, apunta Álvaro.
Así, xa están preparando a primeira sesión de rodaxe dunha pequena peza audiovisual con imaxes da ría de Ponteceso, Cabana… que estea enfocada sobre todo coa xuventude, co ocio e ca noite. “Este sábado virán os membros de Area Productios e grabarán este #ProyectoPonteceso que queremos que sexa como a ría que nos queremos, chea de xente facendo paddlesurf, en piraguas, correndo… e despois saíndo de festa por Ponteceso… Dando vida á Costa da Morte”.
Para a rodaxe, lembramos, este domingo 29 de abril na praza do Recheo, necesitan 40 persoas maiores de idade, que estean dispostas a facer actividades acuáticas ou a correr.
Esperan que o vídeo estea listo a finais de maio, que será cando anuncien o fantástico evento do 9 de setembro.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).