Atomé, como un erro que marca unha prolífica vida


Tiramos da completísima hemeroteca do blog Santa Comba na Memoria para recordar a figura dun médico e caricaturista moi famoso por terras xalleiras.
Un home que ademais viu como o seu alcume foi sacado dun erro de imprenta, un clásico. I é que o apodo de Atomé procede dun erro do diario El Ideal Gallego, que escribía a abreviatura do seu nome xunto co seu apelido, o que o marcaría para sempre.
Antonio Tomé Taboada nacía na Casa da Lavana, no lugar de Santa Cataliña, o lado da Casa do Concello, o 16 de agosto de 1.914. Licenciado en Mediciña, sempre tivo gusto por debuxar, que logo levou ao profesional traballando para El Ideal Gallego a partiur do ano 50. As súas viñetas “As paroladas”, sempre en galego, eran coñecidas en todo o país. As súas obras aínda saían no xornal despois da súa morte e foron expostas en varias exposicións de Asturas e Galicia.
Por Santa Comba, Atomé aínda segue moi vivo. Son moitas as casas nas que aínda colgan nas paredes as súas viñetas e debuxos. Moitas veces son os propios veciños os protagonistas desas mesmas, un xeito ben bonito de lembrar aos avós, nunha caricatura de Atomé.
E seguirá sempre vivo. O 16 de decembro de 2000 a Asociación Cultural Comarca do Xallas presentou o libro “Atomé. O debuxante e humorista de Santa Comba”.
Ademais, o Concello está buscando a posibililidade de desenvolver un proxecto de recuperación e dixitalización da súa obra, pero cómpre revisar miles de documentos que corresponden a un período duns 20 anos. Só en hemeroteca de prensa é necesario revisar preto de 7.500 exemplares.

Novas relacionadas
- A bitácora da semana: Santa Comba na memoria.
- O Campo do Carreiro ou a forza dos veciños.
- Víctor Espasandín: Coñecendo a un xalleiro na elite do fútbol español.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Santa Comba na Memoria.