O BNG incide sobre a situación extrema do Centro de Saúde de Santa Comba

Juan David e Iria Carreira

Volve á palestra a situación do Centro de Saúde Ángel Carracedo, de Santa Comba. O responsable do BNG, Juan David Sixto, acompañado pola deputada Iria Carreira e representantes de CIG- Saúde, visitaron o centro para denunciar o seu "lamentábel estado".

O grupo lamenta que, a pesar das reiteradas denuncias públicas e iniciativas presentadas tanto no Concello como no Parlamento Galego, o Centro de Saúde "continúa a estar en condicións lamentábeis que poñen en cuestión tanto o propio goberno municipal como ao goberno da Xunta xa que, como se ve, desatenden unha infraestrutura básica e descoidan tanto á veciñanza como ás persoas traballadoras".

Na visita comprobaron de novo as gravísimas deficiencias para as que o BNG reclamou solucións nos distintos ámbitos institucionais desde hai máis de dous anos, "atopando o muro do goberno municipal e da Consellaría de Sanidade que continúan a marxinar e maltratar a veciñanza de Santa Comba".

Ás reclamacións do BNG súmase á que a CIG dirixiu recentemente á xerencia da Área Sanitaria de Compostela e Barbanza na que lembran que existe unha comunicación de risco laboral detectado. A comunicación foi remitida ao concello de Santa Comba e versaba sobre as deficiencias nos equipos e nas instalacións por incumpriren a normativa e xeraren riscos engadidos ademais de un informe específico sobre a sala de caldeiras. Engadiuse tamén unha proposta de requirimento por parte da Inspección de Traballo para que se solucionen os problemas. Polo de agora, non houbo ningunha reacción por parte das institucións implicadas.

Na visita, representantes da CIG explicaron que os 12ºC do Centro e Saúde son "totalmente intolerábeis" e afectan tanto á capacidade asistencial e ao benestar de persoas traballadoras e usuarias  e lamenta falta de colaboración do goberno municipal. Ademais, urxe, segundo destacaron, máis persoal de Servizos Xerais e solucionar os fallos detectados na instalación eléctrica que supoñen riscos engadidos nas instalacións.

Foto do tellado do Centro de Saúde de Santa Comba

Máis novas