Venres. 03.05.2024
El tiempo

O BNG esixe á Xunta que solucione de maneira urxente as deficiencias do centro de saúde de Santa Comba

Membros do BNG Santa Comba copia
A deputada Iria Carreira e David Sixto, edil do BNG de Santa Comba
O BNG esixe á Xunta que solucione de maneira urxente as deficiencias do centro de saúde de Santa Comba

Como xa fico co colexio da vila, o BNG de Santa Comba ven de presentar no Parlamento Galego unha iniciativa encamiñada a esixir á Xunta que resolva de maneira urxente os problemas de infraestrutura e persoal que padece o centro de saúde de Santa Comba. Na iniciativa, o grupo nacionalista describe a situación na que se atopa con grandes deficiencias na construción ademais de necesidade de aumentar a dotación de persoal e reclama á Xunta que asuma a transferencia da titularidade e xestión do centro.

"O Concello de Santa Comba conta cuns servizos sanitarios que se atopan nun estado extremadamente precario e é hora xa de esixir que a Xunta resolva esta situación", afirma a deputada do BNG, Iria Carreira, que asina a proposición non de lei presentada no Parlamento xunto coas deputadas Olalla Rodil e Montse Prado.

Na iniciativa, dáse conta das importantes deficiencias que padece o centro tanto por problemas na propia infraestrutura como pola escasa dotación de efectivos sanitarios, o que reverte, ao seu ver nunha "deficitaria atención á veciñanza con problemas que afectan directamente a súa saúde".

Neste sentido, sinalan que o centro de saúde, no que se engloba o PAC que presta asistencia tamén ao concello de Mazaricos, presenta o tellado en mal estado -con goteiras e humidades no interior- que non só provoca filtracións de auga senón tamén ruído que causa atrancos na atención do persoal sanitario ao público. Denuncian da mesma maneira os graves problemas de climatización dun centro que acada altas temperaturas no verán e zonas de frío dificilmente soportábel no inverno, obrigando a que moitas profesionais traian calefactores para poder aguantar a xornada laboral.

Alertan tamén da escaseza de espazos para atención a pacientes, con consultas compartidas como é o caso de ter que desenvolver a atención de traballo social na dependencia de odontoloxía ou impartir as clases de educación maternal nunha sala de reunións. Esta situación conduciu a que durante moito tempo se acumulara información confidencial nos corredores do centro, incumprindo as condicións que esixe a lexislación.

"Todo isto prodúcese nun contexto en que o SERGAS aínda non asumiu a titularidade do centro", lamenta a deputada Iria Carreira ao tempo que demanda que se solucionen tamén as eivas de persoal, de maneira especial, na suplencia de ausencias que provocan unha sobrecarga de traballo para as profesionais.

Máis novas

Comentarios