O BNG de Santa Comba sinala a inacción do goberno municipal para poñer fin aos problemas do SAF

Juan David Sixto, portavoz nacionalista de Santa Comba

Continúan os problemas, desde hai meses, no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Santa Comba. Así o vén denunciando o BNG xalleiro, que mesmo ten solicitado á Xunta que se faga cargo do servizo, ante a "inacción" do goberno municipal. I é que a situación para as traballadoras e aos 90 familias usuarias segue a ser de precariedade absoluta, trala falta de avances entre o goberno socialista e o sindicato CIG-Administración Pública.

Denuncia esta semana Juan Sixto, que a "inacción queda demostrada na última subvención solicitada ao respecto á Deputación da Coruña, onde o Concello realizou unha solicitude de soamente 49.000€ na súa partida orientada ás traballadoras “fronte aos 70.000 solicitados desde un concello veciño como o de Mazaricos, con menos da metade de poboación”. Asemade, destaca que o monto para funcionariado de persoal técnico nas escalas superiores chega aos 60.000€, cando “a urxencia do servizo está no corpo laboral”.

O voceiro do BNG critica que “en ocasións anteriores o Concello ten sinalado ás traballadoras acusándoas de absentismo laboral, cargándoselles as responsabilidades cando están no límite físico e mental por unha carga excesiva que non se debería ter acadado baixo ningún concepto”. Así, a “única situación límite é a falta de organización do Concello”, que “non está a cumprir co convenio que o mesmo equipo de goberno asinou”, e que incluso leva a que as persoas que se encargan da labor vaian cambiando os domicilios aos que acoden “de tal xeito que é imposible xerar o clima de confianza necesario para realizar a súa labor con eficacia”.

Debido a esta situación, dende o Concello búscase unha solución de compromiso que incluiría a subcontratación do servizo a unha empresa externa, "solución esta que non convence ás persoas prestatarias do mesmo por ser unha responsabilidade do goberno", segundo o BNG, que tamén recoñece que a situación "vén de lonxe", "xa que a irresponsabilidade que deriva nesta situación xa procede do anterior goberno do PP.

Pide o portavoz nacionalista, Juan David Sixto, que dende "a institución de goberno se busque poña fin a esta situación de precariedade e que se enfoque en ofrecer condicións laborais dignas que permitan que o convenio se cumpra e os turnos se acollan ao indicado”.

 

Máis novas do problema