A complicada tesitura do SAF de Santa Comba

Seguimos recollendo exemplos dos problemas que xenera o Servizo de Axuda no Fogar nos Concellos do país. Unha nova demostración da deixadez de funcións da Xunta, deixando a responsabilidade, e parte do financiamento, nuns Concellos que sofren para manter activo, digno e eficaz este servizo sanitario básico.
En Santa Comba, a situación das traballadoras do servizo de SAF, que coidan preto dun centenar de persoas, pasa dende fai anos por unas condicións complicadas. É certo que as traballadoras municipais do SAF levan anos realizando un exceso de xornada laboral moi superior ao resto de persoal do Concello de Santa Comba, e ademais sen recoñecemento e remuneración deste.
O actual equipo de goberno asegura estar “tratando de avaliar e mellorar para garantir o necesario equilibrio entre protección dos dereitos laborais e a xestión viable dun servizo esencial”. Pero a relación entre o goberno socialista e o sindicato CIG-Administración Pública parece tensa.
Dende o Concello sinalan que levan varias reunións e intentos de acordo tanto en xuntanzas informais coma en mesas de negociación coas diferentes centrais sindicais. Pero o achegamento é complicado e aseguran que “se ve forzado a tomar medidas para intentar mellorar unha situación xa enquistada”. “Nos citados encontros recoñeceuse en todo momento a necesidade de chegar a un entendemento, pero a constante confrontación e a negativa a chegar a pactos impide que solucións de consenso poidan ser adoitadas”, sinalan fontes municipais.
Unha decisión que para a CIG singnifica a “imposición de xeito unilateral os horarios das traballadoras municipais”, o único grupo que non dispuña dun horario estabelecido e acorde ás condicións reguladas no convenio colectivo para o persoal laboral, aprobado o pasado 16 de xaneiro.
O Concello propuxo na última mesa de negociación, celebrada o venres 18 de outubro, retribución das horas extra, o tempo dos recoñecementos médicos, horario de verán, fins de semana e festivos, “un esforzo” para as arcas municipais, “xa que no mes de outubro se prevén abonar preto de 25.000€”.
Por iso, aproveita o Concello e pide “unha vez máis á Xunta de Galicia a que atenda na menor brevidade posible as xa numerosas solicitudes presentadas para concertar unha reunión e abordar as problemáticas, así como para que revise a súas achegas e financiamento, algo co que a institución autonómica se comprometera o pasado mes de xuño”.
neludiblemente, a concelleira de Servizos Sociais, Estefanía Calvelo, tamén fai fincapé na necesidade de que dende as institucións autonómicas e estatais se cumpra o previsto na Lei de Dependencia para que o 100% do custo do SAF sexa asumido pola Xunta e polo Ministerio tal e como defende a FEGAMP, xa que é inviable que os concellos sigan asumindo competencias impropias que afogan economicamente e hipotecan as administracións locais incrementando o capítulo de persoal por enriba do 50% nos orzamentos.