O BNG de Santa Comba pide á Xunta que se faga cargo da xestión do SAF pola "incompetencia do goberno municipal"

Seguen os problemas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), motivados en gran medida pola deixadez de funcións da Xunta de Galicia.
Desta volta, os problemas continúan sendo graves por Santa Comba. Xa o ano pasado, o grupo de goberno socialista pedira á Xunta que aumentase o custe por hora, ante uns problemas laborais crónicos que obrigaron aos sindicatos a comezar a mobilizarse.
De feito, as traballadoras do servizo que están convocadas o día 24 para o xuízo por conflito colectivo.
Hoxe o que alza a voz é o BNG de Santa Comba, a través do seu portavoz, Juan David Sixto, que directamente solicita á Xunta que se faga cargo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) unha vez que "o goberno municipal recoñeceu a súa incapacidade para xestionalo". Sixto lamenta a gravidade dunha situación que afecta directamente a máis de 90 familias e ás traballadoras do servizo. Critica tamén á Xunta pola desatención diante do "desastre de xestión que afecta a un servizo básico para a veciñanza".
"É lamentábel que intenten cargar responsabilidades ás traballadoras cando non están a cumprir o convenio e están sempre ao límite", sinala Juan David Sixto, que denuncia que, neste tempo, "por parte do concello nin se deu organizado o rexistro horario das traballadoras nin se conseguiu persoal para a bolsa de traballo dadas as malas condicións laborais ao non cumprir o convenio colectivo".
Destaca tamén Sixto que as persoas usuarias están a ser vítimas da "nefasta xestión por parte do goberno municipal" xa que ven como cada pouco cambia a persoa que asiste aos seus domicilios para desenvolver un labor o que supón unha grande incomodidade porque a confianza coa persoa que atende ao domicilio é básica.
O BNG non só responsabiliza ao actual goberno municipal senón tamén ao PP da oposición, que "non está facendo nada para solucionar este tema cando estaban gobernando o concello até hai dous anos. É moi duro ver como agora calan e nin recoñecen que son parte da situación nin reclaman nada ao goberno da Xunta, que é do seu partido" reclamándolles tanto ao PP como ao PSOE que "deixen de seguir dando as costas á veciñanza e busquen medidas eficaces para que as persoas que o precisan teñan un servizo de calidade".