Esixen a Xunta que cancele as concesións da mina de Varilongo

Saída de augas da galeria da Carballeira da mina de Varilongo

A semana pasada coñecíamos o cambio de nome da actual concesionaria da mina de Varilongo. Un cambio que non cambia a política de escurantismo dunha entidade que, a base de faroles financieiros, pretende conseguir fondos para abrir outra grande mina a ceo aberto de volframio e estaño en Varilongo, creando varias escombreiras de enormes dimensións e unha balsa de lodos que ocuparían centos de hectáreas.

Paralelamente atópase tamén a empresa sueca EuroBattery Minerals que asegura ter entregado xa o proxecto para abrir unha mina a ceo aberta de níquel e cobre sobre a Braña da Serra, situada entre Castriz e Salgueiras, nas nacentes do río Xallas.

Ante esta situación, e dado que a a día de hoxe a mina leva abandonada case 40 anos, causando contaminación aos cauces próximos, entidades como Ecoloxistas en Acción piden á Xunta declarar a caducidade das concesións. A realidade é que durante todo este tempo se mantivo ilegalmente a vixencia dunhas concesións que foron outorgadas en 1942 para permitir a explotación de volframio por unha empresa controlada pola Alemaña nazi.

Explican que “a explotación da mina paralizouse en 1986, fai case 40 anos. Aínda que entre 1986 e 1988 se formalizaron autorizacións de suspensión temporal de labores, a actividade nunca se reiniciou. Logo de varios accidentes graves polos numerosos pozos e chimeneas, en 2007 a entón concesionaria presentou un plan de peche e abandono, cun orzamento de 874.000 euros, pero que a Xunta nunca chegou a aprobar, mantendo vivas as concesións”.

A entidade ecoloxista pide ademais que “de xeito previo á declaración da caducidade, obrigue á empresa concesionaria a presentar un plan de peche e clausura que obrigue á mineira a restaurar as zonas afectadas, a poñer fin aos vertidos ilegais e a constituir as garantías económicas necesarias para evitar a súa fuga”.

Novas relacionadas