Esixen a Xunta que cancele as concesións da mina de Varilongo

A semana pasada coñecíamos o cambio de nome da actual concesionaria da mina de Varilongo. Un cambio que non cambia a política de escurantismo dunha entidade que, a base de faroles financieiros, pretende conseguir fondos para abrir outra grande mina a ceo aberto de volframio e estaño en Varilongo, creando varias escombreiras de enormes dimensións e unha balsa de lodos que ocuparían centos de hectáreas.
Paralelamente atópase tamén a empresa sueca EuroBattery Minerals que asegura ter entregado xa o proxecto para abrir unha mina a ceo aberta de níquel e cobre sobre a Braña da Serra, situada entre Castriz e Salgueiras, nas nacentes do río Xallas.
Ante esta situación, e dado que a a día de hoxe a mina leva abandonada case 40 anos, causando contaminación aos cauces próximos, entidades como Ecoloxistas en Acción piden á Xunta declarar a caducidade das concesións. A realidade é que durante todo este tempo se mantivo ilegalmente a vixencia dunhas concesións que foron outorgadas en 1942 para permitir a explotación de volframio por unha empresa controlada pola Alemaña nazi.
Explican que “a explotación da mina paralizouse en 1986, fai case 40 anos. Aínda que entre 1986 e 1988 se formalizaron autorizacións de suspensión temporal de labores, a actividade nunca se reiniciou. Logo de varios accidentes graves polos numerosos pozos e chimeneas, en 2007 a entón concesionaria presentou un plan de peche e abandono, cun orzamento de 874.000 euros, pero que a Xunta nunca chegou a aprobar, mantendo vivas as concesións”.
A entidade ecoloxista pide ademais que “de xeito previo á declaración da caducidade, obrigue á empresa concesionaria a presentar un plan de peche e clausura que obrigue á mineira a restaurar as zonas afectadas, a poñer fin aos vertidos ilegais e a constituir as garantías económicas necesarias para evitar a súa fuga”.
Novas relacionadas
- Novembro 22: A mineira de Varilongo: Diferente nome pero mesma estratexia.
- Abril 22: A mineira Rafaella Resources denuncia á Comunidade de Montes de Grixoa de Esternande pola plantación masiva de carballos nunha parcela da mina.
- 19-03-022: A veciñanza de Grixoa de Esternande converte un espazo da mina de Varilongo na Carballeira das Casas Vellas.
- 11-03-22: O Concello bota de Santa Comba á empresa mineira australiana Rafaella Resources.