Venres. 29.03.2024
El tiempo

A mineira Rafaella Resources denuncia á Comunidade de Montes de Grixoa de Esternande pola plantación masiva de carballos nunha parcela da mina

A mina de varilongo contamina
Imaxe da Comunidade de Montes e Verdegaia o día da plantación masiva na parcela da mina de Varilongo
A mineira Rafaella Resources denuncia á Comunidade de Montes de Grixoa de Esternande pola plantación masiva de carballos nunha parcela da mina

A veciñanza de Grixoa de Esternande protagonizaba o pasado mes unha das accións medioambientais máis singulares dos últimos tempos na Costa da Morte. Unha plantación de máis de 500 carballos nunha zona da mina de estaño e volframio de Varilongo, nunha parcela pola que a Comunidade de Montes en Mancomún leva loitando máis de 20 anos, e que considera que lles foi extraída e regalada á mina irregularmente.

Era de esperar algunha resposta da empresa mineira Rafaella Resources. A empresa australiana, malia ter sido mesmo expulsada polo Concello do edificio da mina, considera que a plantación foi unha ocupación ilegal do espazo e vén de denunciar ante á Garda Civil tanto á Comunidade de Montesen Mancomún de Grixoa de Esternande (se ben aínda non recibiu a notificación), como ás entidades Verdegaia e Ecoloxistas en Acción (estrana a súa presencia porque non participou na plantación comunal) nun claro intento de amedrentar o movemento social.

As entidades lamentan a “tentativa de intimidación de Rafaella Resources”, e están tranquilas porque saben que a Comunidade de Montes de Grixoa de Esternande é a titular da parcela conforme o expediente de clasificación do monte veciñal. De feito, a mesma empresa “recoñece na propia denuncia que se trata dunha parcela municipal sobre a que non ten ningún dereito de disposición, a pesar do que mantiña ilegalmente bloqueado o acceso mediante un cadeado mesmo despois de que o Concello de Santa Comba instase á mineira en febreiro a abandonar un edificio que viña ocupando sen autorización”.

Curiosa a acusación paralela que a empresa vertía na denuncia, sinalando que "además de plantar árboles se dedicaron a cortar el tallo de las acacias existentes para dejarlas secar”, ignorando que tanto a acacia negra como a mimosa, dúas especias procedentes de Australia, están incluidas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras cuxa posesión está terminante prohibida pola Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade.

Resposta contundente

As tres entidades denunciadas advirten de que “responderán con contudencia, unha vez que a propia actuación da empresa pode ser constitutiva dun delito de denuncia falsa, tipificado no artigo 456 do Código Penal”. As accións, en calquera caso, deberán agardar a que por parte do Xulgado de Negreira se dite auto de sobresemento.

Novas relacionadas

Comentarios