O Concello bota de Santa Comba á empresa mineira australiana Rafaella Resources

Leva anos intentando o Concello de Santa Comba poñer en valor o seu patrimonio mineiro. Non deixa de ser o concello xalleiro “o centro mineiro antigo de maior importancia e trascendencia no comercio mediterráneo e atlántico” así como a meirande reserva de wolframio do estado. Unha realidade que se contrapón coa diferente praxis das empresas que traballan no terreo, como se esforzan en explicar dende o Concello, dende onde contrapoñen o traballo transparente da mina de Varilongo ás prácticas escuras da empresa veciña, a australiana Rafaella Resources.
Tan cansa está a alcaldesa de Santa Comba, María Pose, que vén de botar á empresa da Casa da Mina, un edificio en pleno polígono mineiro que utiliza dende 2019 a pesar de non existir ningún tipo de autorización oficial. Os continuos problemas cos traballadores, os enfrontamentos cos veciños, as falsas promesas de comezar as inspeccións… fan que o Concello decidise darlle un prazo de 15 días para abandonar un edificio que o Concello quere transformar nun Museo da Minaría.
Así e todo, máis dunha semana despois do anuncio de “desaloxo”, a empresa tardou en marchar das oficinas, como vén denunciando Ecoloxistas en Acción, pero aseguran que están iniciando os trámites para poder volver a utilizar as instalacións, que sempre estiveron vinculados á explotación mineira.
Sorprende a boa “prensa” coa que conta a empresa australiana en medios tradicionais da comarca.
NOVAS RELACIONADAS
- Setembro 21: Piden a paralización e unha sanción exemplar para as prospeccións mineiras que Corcel volve facer na Braña da Serra.
- Xullo 21: A Xunta inicia expediente sancionador á mineira Eurobattery polas sondaxes ilegais en Castriz.
- 15-06-21: Volven as máquinas mineiras a facer sodeos, sen permiso, na Braña da Serra.
- 2020: A minaría, real, faise oco en Varilongo.
- 2019: Santa Comba creará un Museo da Minaría.