Graves problemas de persoal no CEIP Pepe de Xan Baña para comezar o curso con normalidade

CEIP Pepe da Bana de Santa Comba

Seguimos recollendo incidencias neste comezo de curso nos centros de ensino da comarca. Xa temos pasado por Camariñas, Ponteceso, Fisterra, Coristanco, A Laracha, Mazaricos… Hoxe achegámonos a Santa Comba, para visitar o pequeno CEIP Pepe de Xan Baña.

Alí, a Directora, a xalleira Nuria Toja García, está realizando agora mesmo labores de titora da única unidade de Educación Infantil (con 19 alumn@s de 3, 4 e 5 anos); de Directora; de Xefa de Estudos, e mesmo de Secretaria, unha vez que a Xunta vén de eliminar a praza de Secretario.

De feito, o ata esta semana Secretario, tamén profe de música, recibiu o seu cese o 10 de setembro, pero con data efectiva o 31 de agosto, polo que estivo 10 días traballando de Secretario sen cobrar.

Dende o centro lamentan que ademais deste novo recorte, a Xunta non manteña as condicións do ano pasado, cando por mor da pandemia si que se desdoblou a unidade de Infantil. “Este ano xa non a desdoblan. Parece que xa está olvidado a pesar de que os protocolos son os mesmos, segue habendo mascarillas, grupos burbullas… o único que cambia é que a distancia de separación pasa de 1,5 metros a 1,2”… bromea.

Saben ben as familias primeirizas que todo se complica a comezos de curso co período de adaptación (os 15 días que os alumn@s de 4ª de Infantil, os recén chegados ao cole, pasan só unhas horas no centro para “irse adaptando” aos poucos), época para a que tampouco recibiron ningún apoio.

 

Incidencias neste comezo de curso